O CAMIÑO DANÉS. HAERVEJEN, O CAMIÑO DA TROPA
Os peregrinos non sempre seguían un criterio xeografico na elección dos camiños. Máis ben procuraban pasar polas tumbas dos heroes e os lugares onde había reliquias ou imaxes de culto.
O testemuño máis vello do reino de Dinamarca é de 985, cando se gravou a pedra rúnica de Jelling: “Harald … rei que conquistou Dinamarca e Noruega e converteu os daneses ao cristianismo”. Morreu en 986, aprox.
Segundo Nicolás Bergsson, abade bieito do mosteiro de Pverá a mediados do século XII, os islandeses desembarcaban no porto danés de Aalborg e camiñaban durante dous días ata Viborg. De aquí a Hedeby leváballes unha semana; e un día máis ata río Eider, na proximidade da actual Kiel, onde enlazaban cos camiños alemáns.
Sábese, polas anotacións a un manuscrito do bispo Adan de Bremen (1050-1085), que a mediados do século XI existía unha ruta marítima a Compostela dende o antigo porto de Ribe, na costa occidental de Xutlandia. Facía escala no esteiro de Zwijn, nos Países Baixos; en Prawle Point, no sur de Inglaterra; en Saint-Mathieu, preto de Brest, na Bretaña; e de aquí á Coruña.
Hærvejen ou Camiño da tropa é unha vía ancestral que comunica a o norte da península de Xutlandia coas terras xermanas. Remataba na antiga fronteira entre daneses e xermanos, a Dannevirke, situada entre Flesburg e Kiel, hoxe parte de Alemaña. Coñécese dende a época dos viquingos (800-1000) como a vía de comunicación co resto de Europa. Vicente Almazán considérao “camiño de Santiago” pola cantidade de peregrinos de Dinamarca, Islandia e Noruega que por el marcharon a Compostela.
O CAMIÑO DANÉS. FIONIA, SELANDIA, ESCANIA
Os peregrinos que viñan do este, das terras que bordeaban a ribeira danesa do estreito de Øresund e das terras da outra banda, de Escania, atravesaban as illas de Fionia e Selandia antes de incorporarse ao Hærvejen en Jelling por Kolding. Por iso encontramos igrexas e capelas dedicadas a Santiago en Roskilde, a antiga capital dos daneses, e na illa de Bornholm, entre outros puntos ao longo do camiño.
Peregrinos daneses
> En 1181, Axel Absalon (ca. 1128-1201), natural de Selandia, bispo de Roskilde en 1158; conselleiro de Valdemar I e Canuto V; arcebispo de Lund en 1177.
> En 1190 hai noticia de que veu un tal Winido coa súa dona, pais dun rapaz condenado por asasinar a outro na beira do río Eider, que separaba Dinamarca de Alemaña daquela.
Peregrinos noruegueses
> En 1108, o Rei noruegués Sigurd “O peregrino a Xerusalen” visitou Compostela. [Está descrito na monumental obra Heimskringla, de Snorri Sturlason, de 1230]. Pasou o segundo inverno da súa viaxe en Galicia.
> En 1151, Rögnvald ou Rexinaldo, “O Conde Santo” das illas Orcadas, seguindo o Itinerario do rei Sigurd.
Peregrinos islandeses
>En 1354, os islandeses Olaf Bjarnarson e Gudmund Snorrason viaxaban por mar a Compostela, pero morreron nun naufraxio.
> En 1402, o islandés Björn Einarson (1350-1415), que volvía en barco dende Xerusalén, en Venecia decidiu vir a Compostela mentres a súa muller regresaba a Islandia.
Santo Andrés de Slagelse, peregrino danés. Foi párroco de San Pedro de Slagelse ata o ano da súa morte, en 1205. Segundo a lenda, viaxou a Terra Santa cun grupo de peregrinos. O día da volta, mentres os seus compañeiros embarcaban, el quedou misando. Daquela, un xinete montado nun cabalo branco recolleuno o día de Pascua de 1200 e devolveuno a Slagelse, voando. Deixouno no “outeiro do repouso”, á entrada da cidade, onde hoxe se marca cunha cruz. Andrés aínda marchou a Compostela ao día seguinte e, de volta, pasou pola tumba de Santo Olaf en Trondheim (Noruega), polo mesmo medio e antes de que os seus compañeiros chegasen dos Santos Lugares. Na cidade existe tamén un pozo dedicado a el, o Hellig Anders Kilde.
O último peregrino danés
Segundo Vicente Almazán, o último peregrino danés sería o franciscano Santiago “o Danés”, ou “Jacobus Dacianus”, durante os primeiros anos da Reforma luterana, a cal, puxo fin ás peregrinacións. Este Santiago, que viviu en España entre 1539 a 1542, naceu en Copenhague en 1484 e morreu en Tarecuato (Michoacan, México) en 1566 ou 1567. Era o terceiro fillo do rei Xoán (1481-1513) e da raíña Cristina de Saxonia (m. 1521) e, polo tanto, irmán de Christian II (1513-1523).
Foi o o derradeiro Provincial dos franciscanos en Dinamarca, co nome de Jacobus Gottorpius en 1537. O escritor danés Henrik Stangerup novelou a súa vida (Broder Jacob, Copenhague, 1991 / Fray Jacobo, Tusquets, 1993) describindo a súa estadía en Compostela entre as páxinas 103 e 125 (Almazán, p. 48, Dinamarca Jacobea).