Escoita o texto en galego

Tradicional para os peregrinos ingleses, irlandeses, escoceses, flamencos, escandinavos e xermanos hanseáticos, que chegaban ás costas de Galicia por mar. Aínda que os lugares de arribada podían ser Ribadeo, Viveiro, A Coruña e Ferrol, eran estes dous últimos os portos que rexistraron maior afluencia. Dende a cidade da Coruña, os peregrinos tiñan que facer ao redor de 80 km, e dende Ferrol pouco máis de 120 km.

Independentemente da riqueza de cada grupo, contaban cunha rede de hospitais e hospederías ao longo de ambas as dúas rutas, baixo a advocación de Sancti Spiritus. Dende Ferrol existiron ata Bruma cinco establecementos: no propio Ferrol, en Neda, Miño y Paderne, ademais de na propia Bruma. En Pontedeume e mais en Betanzos había tamén dúas casas franciscanas, xa dende o século XIV. Na ruta da Coruña a Santiago de Compostela había, polo menos, cinco hospitais: en Anxos, Santa Catarina, Santo André, Sigrás e Poulo.

Escoita o texto
CRUZADOS NO CAMIÑO INGLÉS

Durante o século XII, sobre todo despois da cristianización dos Países Escandinavos, as rutas do Camiño Inglés viron pasar cruzados nórdicos de camiño a Terra Santa.  O rei Sigurd "Peregrino a Xerusalén" (1108); unha frota mixta de ingleses, flamencos e alemáns en 1147, que parece ser que logo axudaron o rei portugués na toma de Lisboa. E Rögnvald das Orcadas “O Conde Santo” , que veu sobre os pasos do rei Sigurd en 1151.

Estas visitas, tan próximas na memoria ás razzias viquingas non sempre chegaron a culminar a peregrinación. En 1189, cruzados daneses e ingleses, que arribaran á Coruña en medio cento de naves, tiveron que dar a volta a piques de entrar en Compostela debido á hostilidade dos habitantes da contorna. En 1213 tense noticia da peregrinación dunha tropa de cruzados escandinavos e xermanos, que tiveron que agardar durante un tempo a chegada de ventos propicios para continuar a viaxe.

A TORRE DOS ANDRADE DE PONTEDEUME

En pé dende o século XIV, foi mandada construír por Fernán Pérez de Andrade "O boo", como parte do seu castelo, derruído en 1395. Este Andrade serviu a tres reis de Castela: Pedro I, Henrique II e Xoán I. Defendeu A Coruña en 1386 contra Xoán de Gante que, ao estar casado cunha filla de Pedro I, reclamaba a coroa de Castela. Fernán Pérez de Andrade morreu en 1397 e está soterrado na igrexa de San Francisco de Betanzos.