A EXPOSICIÓN.
O ano pasado, en 2022, cumpríase o décimo cabodano do falecemento de Kristina Berg, viúva de Carlos Casares e primeira presidenta da fundación que vela pola súa memoria. Contra o final do ano, o Concello de Catoira decidiu dar o nome de Kristina Berg á sala de exposicións temporais do Centro de Activación Cultural Torres de Oeste, o CACTO. Este espazo recibiu a primeira itinerancia da exposición que se fai sobre ela, sendo a segunda parada Xinzo de Limia. Esta exposición non sería posible sen o financiamento por parte do Concello de Xinzo de Limia e o convenio asinado con esta entidade para a realización de actividades culturais no concello.
As vinte fotografías que se expoñen son unha primeira achega á súa figura, e en absoluto esgotan o proxecto en marcha de crear unha gran exposición sobre a vida de Kristina Berg Casares. Ao contrario, non pasan de ser o seu primeiro chanzo. A maior parte das fotografías que o visitante ten diante foron tomadas por Carlos Casares, polos seus fillos, e polos familiares de Kristina Berg. Outras, por fotógrafos profesionais ou amadores anónimos, e pretenden ser un tributo a unha moza viquinga que dedicou a Galicia dous terzos da súa vida.
KRISTINA BERG. UNHA VIDA DE AVENTURA.
Kristina Berg naceu en Halmstad, capital da provincia de Halland, ao sur de Suecia, o 20 de xullo de 1948. Foi bautizada como Karin Anna Kristina. Eran os Berg unha familia con tres fillos rebuldeiros: dúas nenas e un neno, que pasaban as vacacións en Vislanda, a dúas horas en coche de Halmstad, onde estaba o fogar dos avós maternos.
Xa de cativa, Kristina destacaba pola súa simpatía e carácter extrovertido, que a movía a participar en actividades teatrais. Chegou a figurar no elenco dunha popular serie histórica da TV sueca. Un día, Kristina acudiu á Escola de Arte Dramática de Gotemburgo co propósito de realizar as probas de ingreso, pero ao ver tantas rapazas novas de cidade, pensou que ela alí non pintaba nada e matriculouse nunha Escola de Náutica.
Aprendera a navegar no barco da familia e nunca abandonou a pai-xón pola mar. Navegou no Meta de Byxelkrok, unha goleta de tres paos, moi cinematográfica: foi o barco de Pippi Mediaslongas (Pippi Långstrump), e a "Charlotta" do filme Os emigrantes (Utvandrarn. Jan Troell, 1971), protagonizada por Liv Ullman e Max von Sydow, na que Kristina actuaría de dobre de Ullman.
En xullo de 1971, un xornal local a saca a catro columnas cunha foto enorme: “Unha moza de Halmstad, de 23 anos, prepara o macuto de mariñeira para a súa primeira aventura”. Kristina viña de enrolarse no Pride, un buque norte-americano con destino ás Antillas. "Será a aventura da miña vida", declara ao xornal.
A cousa non debeu ser tan marabillosa, porque a moza aventureira desembarca en Southampton e toma o ferry a Bilbao. Alí sobe ao TER con destino á Coruña, onde a agarda o Aurora, un iate sueco con destino á India.
Na parada de Ourense soben tres mozos e sentan no seu compartimento. Un deles vai lendo un mecanoscrito; os outros dous tentan falar con ela, inutilmente. É o lector distraído quen establece conversa e convence á rapaza loura de que non pode continuar sen coñecer Santiago. Carlos móstralle a catedral, ás rúas e a leva a cear ao Submarino. Despois toman un taxi para o porto da Coruña pero nunca chegará a zarpar. Kristina contaría: "Eu ía para embarcar nun veleiro, un fermoso barco feito a semellanza dos antigos, e no camiño coñecín a Carlos. Digamos que foi el o porto a onde cheguei".
Tres meses despois casaron. Á voda, oficiada por don José, párroco de Beiro e tío do escritor, asistiron Eduardo Blanco Amor, Otero Pedrayo, Paco del Riego e Ramón Piñeiro, ademais dos familiares de Casares e algúns amigos. A parella instalouse en Ourense. Saían de tapas polas rúas dos viños; tomaban café no Café Miño con Blanco Amor, Julio Losada e José Suárez; e ían ao cine por aquilo de que Kristina aprendera mellor o castelán.
Despois veu Cangas. Chegaron os fillos. As vacacións familiares en Suecia. E logo Vilariño, Nigrán, onde cultivou laranxeiras, maceiras, limoeiros e azaleas. Kristina, ademais de admi-nistrar a casa, traballou na editorial Galaxia realizando transcricións de textos e outros labores administrativos. Tamén escribiu dous libros infantís: Dona Galicia (1979) e Un neno viquingo (1987).
A pesar de que sempre se mantivo nun segundo plano apoiando o seu marido nas dificultades que a vida lles deparou, foi consciente de cada paso dado en prol da normalización cultural do país que tan ben a acolleu. Tras a morte de Casares, en 2002, asumiu a presidencia da fundación do escritor.
Polas tardes, despois do traballo, reuníase en charla cun grupo de mulleres de Vigo, entre elas a poeta María do Carmo Kruckenberg e Marita Vázquez de la Cruz, unha das súas mellores amigas, para falar de política, de literatura... da vida. Ata o día do seu falecemento, o 3 de xullo de 2012.
CRÉDITOS:
Idea: Gustavo Adolfo Garrido García
Deseño: Miguel Valverde Juncal
Coordinación e asistencia: Ángela Villar Fandiño
Agradecementos: Vítor Vaqueiro, Manuel G. Vicente, Alberto García e Mónica Vilas