En outubro do ano 2004 a Fundación Carlos Casares foi convidada pola Presidencia da Asociación de Casas-Museo e Fundacións de Escritores (ACAMFE) a participar no XI Encontro da Asociación, celebrado en Barcelona e organizado pola Biblioteca de Catalunya/Arxiu Joan Maragall, coa intención de tomar contacto e analizar a conveniencia da integración nesta institución da Fundación Carlos Casares, que se fixo efectiva a partir de xaneiro do ano 2005.
ACAMFE é unha asociación creada en setembro do ano 1998 que agrupa a unha grande parte das casas-museo e fundacións adicadas a escritores do ámibito español. Mantén contactos con outras institucións semellantes en Europa e América. Os seus obxectivos fundacionais son, entre outros, favorecer o encontro, cooperación e estudo entre as diferentes casas-museo e fundacións de escritores e promocionar e difundir a literatura en xeral, e a de cada escritor representado en particular, nun esforzo común no que se asente o mellor servizo aos investigadores e o meirande achegamento aos autores por parte da sociedade, facendo que xuntas, casas-museo e fundacións adicadas a escritores, tornen en sólida referencia cultural.
Información sobre ACAMFE:
www.acamfe.org
A Fundación Carlos Casares en ACAMFE:
http://www.acamfe.org/acamfe/autor/casares.htm