Do 7 ao 12 de maio, o Concello de Xinzo de Limia e a Fundación Carlos Casares colaboran na organización dunha semana de actividades e concursos para conmemorar ao escritor ourensán, un ano despois da celebración do Día das Letras Galegas na vila.
Visitas guiadas á exposición “Os mundos de Carlos Casares”
Ademais de xornadas de portas abertas para que calquera persoa visite a exposición das Letras Galegas dedicada a Carlos Casares, organizaranse catro visitas diarias durante os días 7 a 11 de maio para grupos de máis de 5 persoas nas que se fará un percorrido polos obxectos da mostra e se contarán os secretos e anécdotas que agocha.
Ademais, dentro desta actividade se desenvolverá a guía didáctica “Busca-busca”, para dous tramos de idade (unha para primaria-secundaria e outra para persoas adultas e estudantado de bacharelato). Un documento que permite buscar información e dar contexto, de forma alternativa, á situación histórica da segunda metade do século XX na Galicia que viviu Carlos Casares.
Enlace: Díptico informativo das visitas guiadas á exposición “Os mundos de Carlos Casares”.
Concurso “A Limia é así”
En marzo de 1959 Carlos Casares remataba e asinaba un traballo escolar encargado polo profesor Don Ángel Cocho. Titulábase “La Limia es así”, e nas súas 15 páxinas percorría a xeografía, historia, tradicións e principais monumentos da comarca. Esta peza revela a visión que un mozo de apenas 17 anos tiña do seu espazo vital e amosa o cariño que lle tiña á súa terra.
O Concello de Xinzo de Limia e a Fundación Carlos Casares queren recordar ese momento convocando o concurso “A Limia é asi”, e convidan a todos os nenos e nenas dos centros escolares da Limia de entre 12 e 17 anos para que presenten obras divulgativas orixinais que sexan un reflexo de como viven, senten e transmiten calquera aspecto da comarca.
Enlace: Díptico do concurso “A Limia é así”
Concurso “O 50 cumpreanos d´A galiña azul“
A obra de Carlos Casares A galiña azul cumpre 50 anos. O libro, publicado pola editorial Galaxia en 1968, foi ilustrado por catro nenos e nenas (Trichi, Alberto, Mima e Ilda), fillos de Ricardo García Suárez (Xohán Ledo) e María do Carme Alonso Dacuña.
Para celebrar este feliz evento, o Concello de Xinzo de Limia e a Fundación Carlos Casares convocan este concurso para engalanar a nosa querida amiga e os seus compañeiros de aventuras (Leoncio, Ana, a formiga esquiadora, Lorenzo…) e convidan a todos os nenos e nenas dos centros escolares da Limia para que presenten ilustracións que reflictan alguna das historias que aparecen no famoso libro.
Enlace: Díptico do concurso “O 50 cumpreanos d´A galiña azul”
Concurso “Unha cuberta para Mª Victoria Moreno”
Neste ano 2018 dedícaselle o Día das Letras Galegas á escritora María Victoria Moreno. Ela, que era natural de Valencia de Alcántara (Cáceres) chegou a Galicia en 1963, ao rematar a carreira de Filoloxía románica e pronto asumiu a nosa lingua e a nosa cultura, chegando a escribir unha serie de obras infantís e xuvenís de grande éxito non só entre os miúdos. Anagnórise, por exemplo, foi moi popular entre os adolescentes, e Leonardo e os fontaneiros e Eu conto, ti cantas, entre o público infantil. Foi codirectora da colección Árbore, da editorial Galaxia, que dirixía Carlos Casares.
Para celebrar o feliz evento, o Concello de Xinzo de Limia e a Fundación Carlos Casares convocan este concurso unindo as artes plásticas e a literatura, co fin de deseñar unha cuberta para algunha das obras da escritora homenaxeada en 2018.
Enlace: Díptico do concurso “Unha cuberta para Mª Victoria Moreno”