III Semana Carlos Casares en Xinzo de Limia

En 2021 celébrase un evento moi especial para a nosa fundación, o 80 aniversario do nacemento de Carlos Casares. Co gallo desta efeméride, a Fundación Carlos Casares organiza unhas xornadas e actividade de homenaxe ao escritor ourensán e á forte vinculación que sempre tivo coa vila de Xinzo de Limia.  Durante o mes de maio, o Concello de Xinzo de Limia e a Fundación Carlos Casares colaboran na organización de exposicións, eventos culturais, faladoiros e concursos para conmemorar ao escritor ourensán, catro anos despois da celebración do Día das Letras Galegas na vila.

1) VISITAS GUIADAS Á EXPOSICIÓN “OS MUNDOS DE CARLOS CASARES”

Ademais de xornadas de portas abertas para que calquera persoa visite a exposición das Letras Galegas dedicada a Carlos Casares, organizaranse visitas para grupos de entre 5 e 20 persoas nas que se fará un percorrido polos obxectos da mostra e se contarán os secretos e anécdotas que agocha.

Ademais, dentro desta actividade se desenvolverá a guía didáctica “Busca-busca”. Un documento que permite buscar información e dar contexto, de forma alternativa, á situación histórica da segunda metade do século XX na Galicia que viviu Carlos Casares.

 

2) CONCURSOS DE DEBUXO E LITERARIO

– Concurso de debuxos “Quen é Toribio?”

Este ano, Toribio, o famoso personaxe da serie de cinco contos que Calros Casares comezou a publicar en 1991 na editorial Galaxia, cumpre 30 anos. Ilustrados por Penélope Ares, os contos deron vida aos pequenos heroes Toribio, de 8 anos; á súa amiga Sara, de 7; e a moitos máis personaxes e inventos que tantas aventuras lles procuraron aos protagonistas.

O Concello de Xinzo de Limia e a Fundación Carlos Casares convocan a III edición deste concurso de debuxos co ánimo de celebrar cos nosos amigos e amigas o seu aniversario, e convidan a nenos e nenas dos centros escolares da Limia para que presenten debuxos que reflictan, á súa maneira, algunha das historias que aparecen na célebre serie.

Enlace:  Bases III concurso de debuxos “Quen é Toribio?”

– Concurso “Unha cuberta para Xela Arias”

Este ano 2021 dedícaselle o Día das Letras Galegas á escritora e tradutora Xela Arias. Poeta, nada en Sarria (Lugo), en 1969, foi unha das voces máis novas e destacadas da poesía galega contemporánea; filóloga e profesora de instituto, traballou tamén como editora, vinculada a Edicións Xerais.

Para celebrar o feliz evento do Día das Letras 2021, o Concello de Xinzo de Limia e a Fundación Carlos Casares convocan este concurso unindo as artes plásticas e a literatura, co fin de deseñar unha cuberta para algunha das obras da escritora homenaxeada.

Enlace: Bases do III concurso – Unha cuberta para Xela Arias

3) EXPOSICIÓN “AS CARAS DOS LIBROS” 

Esta é unha viaxe de descuberta polo deseño dun obxecto cotián que, xa dende a súa cara exterior, agocha unha serie de segredos e curiosidades apaixonantes. Convidámosvos a seguir con nós un percorrido a través do deseño das cubertas do libro galego en dous exemplos concretos e interesantes, como na colección de literatura infantil e xuvenil (LIX) “Árbore”, e tamén na moi variada obra literaria de Carlos Casares. O deseño da cuberta dun libro establece un primeiro diálogo entre o escritor ou escritora e o lector ou lectora a través da linguaxe plástica, combinando a composición textual e tipográfica, a imaxe, as cores e a mensaxe simbólica que presenta o título.

Os artistas e profesionais que se ocupan do deseño e ilustración dos libros convértense, xa que logo, en provedores de contidos visuais, centrando na cuberta un reclamo cuxa función sedutora resulta de moita importancia, pois soporta o peso publicitario, así como da identidade da obra que se achega.
“As caras dos libros” reúne e amosa unha ampla e significativa selección de cubertas das obras de Carlos Casares (Día das Letras Galegas 2017), xunto con outra da primeira década da colección Árbore de literatura infantil e xuvenil (LIX), promovida por Casares dende a editorial Galaxia en 1988, e codirixida por María Victoria Moreno (Día das Letras Galegas 2018), David Otero e Antonio García Teijeiro.

 4) FALADOIROS A ESCOLARES

Cristian Fojón Caruncho foi o gañador do I Premio Carlos Casares – Kristina Berg ao talento activo 2020, fallado o pasado decembro en Ourense. Debuxante de 24 anos nacido en Ortigueira, dedícase á creación de banda deseñada. Entre as súas publicacións están as Historias de Rego Torto (2012-16; Ed. Dorotea, 2018); Un ferrado de dignidade (Demo editorial, 2017)); e Grandarroiba (Demo editorial, 2019), a súa primeira obra longa.

Cristian dará un par de faladoiros para alumnado da ESO e do Bacharelato sobre o proceso da creación dun cómic, as calidades que debe ter un debuxante de historia gráfica, a importancia da formación e da vocación, así como outros interesantes aspectos do seu proceso creativo e do xénero.