Baixo este título celebrouse o día 30 de outubro a terceira mesa redonda do Ciclo Vigo: nós e a cidade, coma sempre no Centro Social Caixanova. Foron convocados representantes dos máis importantes medios da cidade: Eugenio González de Haz, director de Radio Vigo, Jorge Durán Rivero, director de Localia, e mais Serafín González, director delegado de Radio Nacional de España en Vigo. Actuou como moderador o veterano xornalista Xosé María Palmeiro, que desculpou a falta de Serafín González, ausente por motivos persoais de última hora.
O moderador deu inicio á mesa redonda recordando que nestas datas está a celebrarse o Día Mundial da Radio, para logo recordar que a propia divulgación das mensaxes xenera novas formas de transmisión que, en moitos casos, conviven. Citou, a modo de anécdota, o debuxo de Castelao que aplicou aos profesionais dos medios, no que aparecía a frase: “Cren os galos que sae o sol porque cantan eles”.
Acto seguido, Eugenio González de Haz realizou unha reflexión sobre a relación entre a cultura, no seu sentido máis completo, e os medios de comunicación, para logo repasar os compoñentes que alimentan os contidos dunha programación de radio e a súa tradución nunha programación local.
Na súa intervención, Jorge Durán comentou que a realidade demostra o elevado risco que é preciso asumir para facer cultura dende un medio, ben sexa televisión ou radio. Preguntouse, así mesmo, qué se podía facer dende a televisión local para que a xente goce na cidade, explicando o exemplo da xénese dun programa concurso que dende Localia se fai sobre Vigo, e do cal se están a obter bos resultados de audiencia. Por último, deixou claro que a competencia coas televisións estatais é imposible a pesar da igualdade de condicións na que parece que se está cando se utiliza o mando.
As intervencións foron seguidas dun animado coloquio no que tanto Jorge Durán como Eugenio González de Haz animaron os estudantes de audiovisuais a presentar proxectos e ideas novidosas e frescas para as televisións e as radios locais.
Continue reading