Vicente Almazán Climent foi un filólogo e historiador, nacido en Castellón o 17 de novembro de  1924. Fixo as primeiras letras no colexio dos Maristas de Alacante e de Valencia, seguindo os traslados do seu pai, funcionario de Tabacalera. Pronto faleceu este, e a familia tivo que volver a Castellón, continuando Vicente os seus estudos nos Escolapios. Ingresou no Seminario de Salamanca, pero non callou a vocación. En 1948 marchou a Francia onde, despois dun tempo, iniciou os estudos universitarios.  Mudouse a Estrasburgo e conseguiu unha bolsa para a Universidade de Colonia (Alemaña), onde cursou Filoloxía Románica e Literatura medieval. Descubriu a  lingua sueca  e, despois dunha estadía na Universidade de Estocolmo, volveu a Colonia para rematar o doutoramento.

As ansias de viaxar e coñecer países e xentes levárono a Canadá, onde pasou nove anos ensinando nas universidades de Sudwury e Windsor. De alí marchou aos Estados Unidos para ensinar Filoloxía Románica durante 40 anos, primeiro na Universidade de Wayne (Detroit), e logo na de Wisconsin Oshkosh.

Na súa dilatada obra figuran unha chea de artigos de investigación que foron aparecendo en diversas revistas especializadas de Europa e América. Unha das súas achegas sobranceiras foi a publicación íntegra do Specullum Regale / Konungs skuggsjá, texto noruegués do século VIII que traduciu e comentou.

Políglota en nove  idiomas, falaba francés, alemán, italiano, portugués, polaco, sueco, danés, noruegués e inglés. Gustáballe contar que fixera o Camiño de Santiago aos 12 anos e quedara namorado da cultura e a lingua galegas. O tempo converteu esa inclinación nunha paixón incondicional a Galicia. Un encontro fortuíto cun emigrante galego nunha gasolineira de Alemaña inspirouno a escribir un curioso libro que Carlos Casares non dubidou en publicar: Galicia. Breviario para o galego ausente. Saíu do prelo en 1999 cun deseño especial de Francisco Mantecón.

En 1995 xubilouse na Universidade de Wisconsin- Oshhkosh, sendo nomeado profesor emérito. En España foi relator de oficio do II Congreso Internacional de Estudos Xacobeos e formou parte do Comité Internacional de Expertos del Camiño de Santiago ata a súa morte, que ocorreu en Castellón o 1 de febreiro de 2006.

A el e aos estudosos do fenómeno xacobeo vai dedicada esta pequena exposición.

 

 

SELECCIÓN DE OBRAS DE VICENTE ALMAZÁN

  • Historia de una amistad: las cartas de Pedro de Dacia y Cristina Stommeln. Editorial San Esteban. (ed.), col. Biblioteca Dominicana. Salamanca, 2004.
  • Olav, rey perpetuo de Noruega. Xunta de Galicia, 2002.
  • Santa Brígida de Suecia. Peregrina, política, escritora. Xunta de Galicia, 2000.
  • Galicia. Breviario para o galego ausente. Galaxia, 1999.
  • Dinamarca jacobea. Historia, arte, literatura. Xunta de Galicia 1998.
  • Alsacia jacobea. Introducción al estudio de las peregrinaciones alsacianas a Santiago de Compostela: historia, literatura, arte. Consorcio Compostela 93, D.L. 1994.
  • Seis ensaios sobre o Camiño de Santiago. (ed.),Galaxia, 1992.
  • Gallaecia scandinavica. Introducción ó estudo das relacións galaico-escandinavas durante a Idade Media. Galaxia, 1986.