ÁREA DE DIÁLOGO INTERCULTURAL

Dende os seus inicios, a Fundación Carlos Casares propúxose a realización dunha serie de actividades coas que manter o variado capital de intereses e relacións establecidas por Carlos Casares durante a súa vida. Deste xeito, e tal como se expón no seu documento fundacional, considera un dos seus obxectivos prioritarios o de “constituírse como entidade mediadora entre a cultura galega e a cultura universal dende criterios de abertura, pluralismo e respecto á diversidade cultural”. Para conseguilo, creou a área de traballo “Diálogo intercultural”, para dar cabida a reunións de carácter literario e de carácter sociopolítico.

Diálogos Literarios da Fundación

Os Diálogos Literarios da Fundación fornecen un vieiro de contacto entre a literatura galega e a literatura universal. Naceron en 2004 como unha reunión de carácter anual con vocación de se converter en referencia do debate literario nos ámbitos galego, ibérico e iberoamericano; un espazo para o diálogo e o intercambio de opinións e experiencias entre escritores, críticos, tradutores, editores e académicos, sempre nun ambiente marcado polos valores da tolerancia e a convivencia. Ata 2010 celebráronse no Pazo de Mariñán (Bergondo, A Coruña). En 2011 pasaron a desenvolverse na Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela, comezando unha breve segunda época de dous anos.

Enlace: Noticias relacionadas cos Diálogos Literarios

Encontros de Mondariz-Balneario

Os Encontros de Mondariz-Balneario tiñan carácter anual e se celebraron na localidade pontevedresa de Mondariz-Balneario de 2003 a 2011, durante o outono, nas instalacións do Hotel Balneario de Mondariz. Naceron inspirados nunha idea de Carlos Casares, lanzada dous anos antes da súa morte no marco do consello de redación da revista GRIAL. Os Encontros consolidáronse enseguida como un foro estable de intercambio intelectual, unha contribución dende Galicia aos debates máis actuais de ámbito internacional; preservando así a memoria do talante aberto e dialogante de Carlos Casares, un legado cívico de enorme valor que a Fundación incorporou e se encarga de difundir.

Enlace: Noticias relacionadas cos Encontros