1941 – 1950
Foi a comarca da Limia, en maior medida que o seu Ourense natal, o territorio que deixou unha pegada máis fonda no Casares neno. Nacera en Ourense, o 24 de agosto de 1941, pero aos catro anos marchou para Xinzo de Limia, onde o seu pai, Francisco Casares, traballaba de mestre. O futuro escritor vive nun ambiente entre aldeán e vilego, en permanente contacto cunha extensa familia espallada por distintos puntos da comarca, con casas en Lamas, Beiro e Sabucedo, ademais de no propio Xinzo, nas que pasará longas tempadas. É un mundo que Casares recordaría sempre con gran viveza e que reaparecerá unha e outra vez na súa obra literaria. Alí aprende os nomes das árbores e dos paxaros e escoita as historias da guerrilla antifranquista. Alí inicia tamén unha relación moi natural e basicamente divertida co cine e coa radio, coa lectura e co fútbol, co xogo e cos xoguetes en miniatura que el mesmo construía. Foi unha infancia case topicamente feliz, enmarcada por unha natureza espléndida, polo calor familiar e polo contacto continuado co misterio. Non faltaron, porén, episodios dramáticos. Cando non tiña máis de tres anos, Carlos estivo a piques de morrer afogado no río, nun dos veráns de Lamas. Salvouno unha súa curmá, da mesma maneira que o propio Carlos salvaría uns anos máis tarde ao seu irmán Xavier, que tamén se afundía sen remedio nas augas do Limia ata que Carlos o rescatou. As sensacións vibrantes daqueles eternos veráns ao aire libre, xunto co recollemento invernal arredor do lume e das historias de familiares, amigos e criados, deixarían unha impronta vivísima na literatura de Casares e no propio modo de ser dun home que ata o derradeiro ano da súa vida seguiu experimentando a alegría dun neno pequeno cando o calor se adonaba de Vigo e anunciaba a inmediata chegada do sol do verán.
1951 – 1960
Na familia materna de Carlos abundaban as vocacións eclesiásticas. E a propia nai de Carlos, Manolita Mouriño, era unha muller que vivía con moita intensidade o seu catolicismo. Francisco Casares, en cambio, que era home de ideas liberais e temple máis escéptico, non se sentiu entusiasmado coa decisión materna de enviar a Carlos a estudar ao Seminario de Ourense, no que ingresou no ano 1952. Foi alí onde o seu destino literario comezou a manifestarse. Carlos publicou no Seminario un periódico chamado El Averno do que, segundo declararía máis tarde, era “director e único redactor”. O contacto cun profesor de Literatura, don Agustín Madarnás, foi decisivo no afianzamento da súa vocación de escritor. Madarnás mandoulle un día aos seus alumnos de pouco máis de dez anos escribir unha redacción. A seleccionada para ler na clase en voz alta foi a de Carlos quen, desde ese día, foi “consciente de que se podía escribir ben ou mal”. A partir dese momento, Casares devorou a moita literatura dispoñible no Seminario, desde os clásicos grecolatinos ata autores españois e estranxeiros que non presentaban perigos morais. Aos escritores perigosos (Balzac ou Voltaire, Flaubert ou Stendahl) líaos nos veráns de Xinzo de Limia gracias ao subministro de Antonio Rodríguez, bibliotecario da vila, republicano e comunista, con cuxa amizade sempre se honrou Casares. Polo demais, Carlos conservaba lembranzas agridoces da súa vida no Seminario. Agradecía a excelente formación clásica recibida, na secular e ameazada tradición dos studia humanitatis, pero tamén recordaba algúns episodios amargos nos que sentiu por vez primeira a dentada da violencia e da inxustiza. Xa fóra do Seminario, Carlos presentouse a un concurso provincial de relatos breves. E ganouno. Foi Arturo Lezcano que o levou daquela a coñecer a Vicente Risco, que formara parte do xurado e que eloxiou vivamente os seus escritos. Foi o principio dunha breve -Risco morreu en 1963- pero intensa amizade cultivada día a día na tertulia do café Parque, no Miño ou no Volter, xunto con outros escritores e artistas como Prego de Oliver, Ferro Couselo, Xaime Quessada, Antón Tovar, Conde Corbal, Xaquín Lorenzo, Xosé Luis de Dios, Julio Gimeno, Acisclo Manzano, Arturo Baltar, José Luis López Cid ou o xa citado Lezcano.
1961 – 1970
Os anos 60 comezan na vida de Carlos coa marcha de Ourense a Compostela, onde entra rapidamente en contacto co grupo de estudantes galeguistas nucleados en torno a Ramón Piñeiro. A relación con Piñeiro irá medrando e intensificándose nestes anos e desembocará nunha indestrutible e íntima amizade. A súa condición de galeguista permítelle participar militantemente -por exemplo, desde a Agrupación Democrática de Estudiantes- en actividades culturais que contestan o oficialismo franquista do SEU, entre elas a organización do histórico recital de Raimon en Santiago, preludio certo do que será meses máis tarde o sesentaeoito compostelán. Estes anos ven tamén a aparición do Casares escritor. Tras uns dubitativos inicios poéticos, que lembrará máis adiante con simpatía pero con absoluta distancia literaria, Casares publica en 1967 Vento ferido, un libro de relatos xuvenís que soportarán rexamente o paso do tempo e que aínda hai pouco tempo mereceron as honras da publicación en lingua inglesa. Un ano máis tarde gaña o primeiro concurso de relatos convocado pola Asociación Cultural “O Facho” con A galiña azul, un conto para nenos que reflicte moi ben o espírito comprometido e libertario dunha época negadora de convencións e uniformismos. A tendencia destes anos á experimentación formal e á renovación dos moldes nos que se fora construíndo a tradición literaria galega lévano a escribir unha novela como Cambio en tres, que aborda a temática da emigración de maneira voluntariamente alonxada do realismo social dominante na produción novelesca daquel tempo. O Casares xornalista, que tantas alegrías dará logo aos seus lectores, comparece tamén de maneira sistemática nas páxinas de La Región de Ourense, nas que inicia a serie “Con esta lupa” en colaboración co debuxante Siro. A década, non obstante, acaba mal: no seu primeiro traballo, nun colexio de Viana do Bolo, Casares é acusado de “comunista” por pretender que os nenos pobres da vila puideran acceder gratuítamente aos servizos do comedor escolar, poñendo de manifesto durante esta batalla unha rede de impresentables corruptelas. O conflito, con obra de teatro escolar por medio, remata con Casares expedientado, despedido e inhabilitado para impartir a docencia en todo o territorio galego. Casares ten que marchar a Bilbao. Pero hoxe aquel colexio de Viana do Bolo chámase Instituto “Carlos Casares”.
1971 – 1980
En 1971, nun tren que se dirixe a Santiago de Compostela, Casares coñece a Kristina Berg, unha rapaza sueca que navega por Galicia a bordo dun barco digno dunha película de piratas. O casamento, que se produce moi pouco despois en Ourense, abriralle a Carlos as portas de Suecia, un país que acabará coñecendo moi ben, incluída a súa lingua, e que converterá nunha especie de modelo ideal para a súa Galicia soñada. Estes son tamén os anos nos que se afianza como escritor, coa publicación de títulos como As laranxas máis laranxas de todas as laranxas, Xoguetes para un tempo prohibido ou Os escuros soños de Clío, ademais da exitosa tradución ao galego de O principiño e da edición crítica da obra completa de Curros Enríquez. Inicia a súa longa colaboración coa prensa, primeiro desde as páxinas de La Región de Ourense e a partir de 1975 en La Voz de Galicia, xornal no que publica semanalmente a sección “A ledicia de ler”. Casares é xa unha referencia importante para a política e a cultura de oposición en Galicia, sempre dende as filas do galeguismo autonomista e apartidario liderado por Ramón Piñeiro e nucleado en torno a Galaxia, editorial a cuxos traballos se vincula cada vez máis estreitamente. Ese protagonismo político e cultural medra nos anos últimos do franquismo, cando é expedientado xunto con Méndez Ferrín, Francisco Rodríguez, Xesús Alonso Montero e outros ensinantes polo seu apoio ás reivindicacións do colectivo de profesores non numerarios (os penenes). Daquela vive e traballa en Cangas do Morrazo, aínda que non tardará en establecerse definitivamente en Vilariño da Ramallosa, no concello de Nigrán, onde adquire un terreo e constrúe unha casa. En 1976 recibe o Premio da Crítica Española por Xoguetes para un tempo prohibido, novela que xa acadara o primeiro premio do certame convocado por Editorial Galaxia para conmemorar o seu 25º aniversario, e o 27 de maio de 1978 ingresa na Real Academia Galega. Remata a década publicando o seu ensaio biográfico sobre Curros Enríquez e Ilustrísima, que chegará a ser a súa novela máis coñecida e popular.
1981 – 1990
No ano 1982, Casares sae elixido deputado ao Parlamento de Galicia pola circunscrición electoral de Ourense. Presentouse ás eleccións como “galeguista independente” nas listas do PSdeG-PSOE e nesa andaina estivo acompañado por Ramón Piñeiro, Alfredo Conde e Benxamín Casal. Casares gardou sempre un excelente recordo daquela primeira cámara autonómica, que presidiu Antonio Rosón no Salón Nobre de Fonseca. O espírito de consenso, ao que tanto contribuíron os deputados galeguistas, deu froitos como a aprobación por unanimidade da Lei de Normalización Lingüística, en cuxos debates e redacción xogou Casares un importante papel. Pouco antes de rematar a lexislatura, no ano 1985, Piñeiro decide propoñer a Casares como director de Editorial Galaxia, cargo que desempeñará ata a súa morte procedendo a unha fonda e modernizadora reestruturación da emblemática editorial viguesa. A actividade política e editorial condicionaron innegablemente a dedicación literaria de Casares. Certamente a principios da década publicara as súas biografías de Vicente Risco e Otero Pedrayo, así como un saboroso libro de conversas con Ánxel Fole, pero non volverá á creación novelística ata 1987, ano no que aparece Os mortos daquel verán. A pesar destas intermitencias, a obra literaria de Casares empeza a interesar fóra de Galicia e a ser traducida ao castelán (Os escuros soños de Clío, en 1984; Ilustrísima, en 1986; Os mortos daquel verán, en 1987, o mesmo ano da súa edición en galego). E respondendo a unha invitación da Unión de Escritores da Unión Soviética viaxa en 1983 pola extinta URSS, impartindo conferencias e participando en seminarios xunto con outros escritores, como Manuel Vázquez Montalbán ou Joan Perucho, cos que establecerá unha intensa e duradeira relación de amizade. O pasamento de Ramón Piñeiro en 1990 marca a fin dunha etapa na historia do galeguismo e na vida de Casares, quen a partir dese momento e ata a súa propia morte vai ter que desempeñar un papel moi semellante ao xogado nos anos anteriores polo seu amigo e mestre.
1991 – 2002
Foi en 1992 cando Casares empezou a publicar diariamente en La Voz de Galicia a súa columna “Á marxe“. O éxito sorprendeu a Casares e ao propio periódico: nunca antes unha columna escrita en galego chegara a aparecer entre as máis tenazmente lidas e preferidas polos lectores de “La Voz”. Gracias a “Á marxe” Casares deixa de ser tan só un escritor coñecido e respectado para pasar a converterse nunha figura popular e querida. Nestes anos Casares multiplica a súa actividade. Continúa escribindo biografías, como as de Ramón Piñeiro, Ánxel Fole e Martín Sarmiento, e tamén abundantes títulos dedicados aos rapaces, pero céntrase sobre todo en dúas novelas de gran ambición literaria, Deus sentado nun sillón azul (1996) e O sol do verán (2002), que serían suficientes para consideralo como un dos grandes da historia das letras galegas. Recibe importantes premios, tanto polo seu labor xornalístico -“Fernández Latorre”, en 1993 e “Julio Camba”, en 1995- como polas súas creacións novelescas. Fáltalle un voto para obter o Premio Nacional de Narrativa de 1997 por Deus sentado nun sillón azul, pero é distinguido cos Premios da Crítica de España e de Galicia. En 1998, Un país de palabras refrenda a súa rara calidade de ensaísta-narrador. Casares, sempre sen présas, sobre todo cando se trataba de sentar arredor dunha mesa ou nunha terraza veraneiga a falar cos amigos, é capaz de encaixar a súa vocación literaria e o seu gusto pola vida con traballos institucionais para os que é cada vez máis solicitado. Ademais de dirixir Galaxia e a revista Grial, preside o PEN Clube de Galicia e o Consello da Cultura Galega, forma parte do Padroado da Fundación Caixa Galicia, dirixe os cursos de verán da Fundación Camilo José Cela, participa activamente na vida da Real Academia Galega, imparte conferencias, escribe prólogos, visita colexios e institutos, presenta libros e asiste a innumerables actos oficiais. E un día, con case sesenta anos, non dubida en embarcarse con oitenta escritores europeos, todos eles bastante máis novos que el, nun Expreso da Literatura Europea que durante mes e medio percorre Europa dende Lisboa ata San Petersburgo. O día anterior á súa morte entregou en Galaxia a versión definitva de O sol do verán. Os que estiveron con el no hospital contan que, minutos antes de morrer, bromeou e mesmo botou algunha risa. Era o 9 de marzo de 2002 pola mañanciña.
2. CRONOLOXÍA DA VIDA E OBRA DE CARLOS CASARES
Carlos Casares. Unha vida en instantáneas