A galiña azul
é probablemente o máis popular dos libros de Carlos Casares e un dos fitos fundamentais da literatura infantil galega. Publicada orixinalmente en 1968, foi unha das primeiras obras editadas en galego para público miúdo.

O libro toma a forma dunha carta enviada a unha nena e nel aparecen personaxes inesquecibles coma Leoncio, un tolo moi cordo que inventa canóns que disparan caramelos e bombas da felicidade; a abnegada formiga esquiadora que partiu unha perna; ou, por suposto, a misteriosa galiña azul “con cinco plumas vermellas nunha á”, que pon ovos de cores e ten alarmadas ás autoridades.

Gañadora da primeira edición do Concurso de Contos infantís da Asociación O Facho, da Coruña, A galiña azul é un libro pioneiro no que Casares desliza, baixo a aparencia de conto infantil, a súa habitual mensaxe contra a intolerancia e a inxustiza.

Dixeron del

Cinco contos que expresan estes valores universais enmarcados no compromiso teimoso do seu autor co idioma galego, que explicita moi claramente no derradeiro parágrafo da carta coa que se inicia o libro: «Mentres non volves, mándoche estes contos, escritos na túa lingua, para que ao escoitar estas palabras poidas relembrar aquelas outras ditas por aquela vella campesiña que viña do dentista de arrincar unha moa: “¡Ai, que nena tan bonita! Parece unha mazá”.»
Manuel Bragado, 2009

Un libro fermosísimo, sinxelo, profundamente humano, divertido e ateigado de tenrura.
Fran Alonso, Revista de Estudios Miñoranos