O venres 4 de xuño ás 19 horas, o Museo da Fonsagrada (Lugo) acolleu a segunda itinerancia da exposición fotográfico-literaria “Os Camiños de Carlos Casares“. O proxecto, ideado por Xurxo Lobato como homenaxe ao seu amigo e escritor, está composto por 40 instantáneas relacionadas cos distintos Camiños composteláns e a súa significación espiritual de peregrinación e coñecemento. Están acompañadas por citas de diversas obras de Carlos Casares que, de forma concreta ou de forma simbólica, expresan e dialogan coas fotografías de Lobato.
No acto de inauguración estiveron presentes, entre outros Xurxo Lobato, comisario da exposición, Hakan Casares, fillo do escritor e administrador da Fundación Carlos Casares, e o actor Amador Arias.
Logo da inauguración en Mondoñedo días antes das Letras Galegas, o fotógrafo amosábase onte satisfeito do acubillo ofrecido polo Museo da Fonsagrada, onde poderá visitarse ata o 29 de xuño de martes a venres, de 12.00 a 14.00 horas; e os sábados e domingos, de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a 19.00 horas. “Trátase dunha exposición que non vai ás grandes cidades, crendo na importancia de que a cultura se achegue tamén a vilas e aldeas”, afirmou. O seu periplo seguirá por Catoira e Corcubión e finalizará en Allariz, na Fundación Vicente Risco.