COORDENADAS 2023. Diálogos Literarios da Fundación Carlos Casares

QUE É?

COORDENADAS é unha actividade literaria para Santiago de Compostela no ronsel dos Diálogos Literarios clásicos da Fundación Carlos Casares, que se desenvolveron desde 2004 a 2012 entre Mariñán (Bergondo) e Santiago de Compostela.

COORDENADAS 2023 é posible en especial grazas ao Concello de Santiago de Compostela, co seu apoio ao proxecto dende o primeiro momento. Tamén da Xunta de Galicia polo esforzo en prol da promoción e difusión da literatura galega no contexto actual. E, por suposto, á SELIC - Semana do Libro de Compostela, que xenerosamente cede espazo ao evento e o incorpora no seu programa. Este ano, baixo o título "De luares e menceres" (baseado nun verso de Álvaro Cunqueiro), profundizaremos na relación da literatura galega coas do resto do mundo, no tempo e mais no espazo. A nova edición continúa a senda da oralidade aberta en 2022, e visitará outros fisterres, mesturando disciplinas artísticas que dialogan coa literatura, como o audiovisual e a música. Ao abeiro da SELIC saimos á rúa para darlle unha maior difusión e que poida chegar a un número maior de público.

INFORMACIÓN

Datas: 13 de xuño de 2023
Lugar: Praza da Quintana (Santiago de Compostela).
Programa: Coordenadas 2023. "De luares e menceres"  (pódese consultar aquí tamén a versión en castelán do programa)

VÍDEOS DOS DIÁLOGOS

Diálogo 1. María Xosé Porteiro: as letras na maleta (Videoensaio de Ricardo Araújo e Laura Guizán; faladoiro con María Xosé Porteiro, Llerena Perozo e Alberto Avendaño)

Diálogo 2. Ecos doutros Fisterres: os Decimeros no Pacífico colombiano. (con Mauricio Chaves e Carlos Rodríguez "Kongo Kimbiza")

Diálogo 3. A vida galante en Álvaro Cunqueiro (con Inma López Silva, Sabela Caamaño e Antía Ameixeiras)

PARTICIPANTES

- María Xosé Porteiro (Madrid, 1952).- Xornalista de profesión, criouse na Habana (Cuba) e reside en Vigo (Pontevedra). Desenvolveu a súa carreira en prensa escrita, radio e TV, tamén na comunicación corporativa. Entre 1987 e 2003 participou en política, conseguindo representación nos eidos municipal, autonómico e estatal, realizando diversas encomendas de ámbito internacional en Oriente Medio, Europa e América. Como activista cultural participou no movemento asociativo; foi membro do Consello da Cultura Galega e directora do Museo do Ferrocarril de Delicias-Madrid. Dende 2019 é adxunta á Valedora do Pobo. Iniciose na novela con Covardes (2001), afirmándose con Sándalo (2012), Buscando a Clara (2019) , Novelas para Xulia (2020) e Tabiba (2023).

- Llerena Perozo Porteiro (Vigo, 1974).- Especialista en Comunicación e Xénero, foi directora de Versátil Servizos Editoriais e do seu selo Auga Editora entre 2014 e 2020.  Previamente desempeñou traballos de creación e xestión de proxectos socioculturais para a Fundación Cidade da Cultura de Galicia e Teatro de Papel Producciones, entre outras, e dirixiu a comunicación de Brincadeira Fest. Publicou dous libros de divulgación sobre igualdade e ecoloxía, varios libros destinados ao público infantil e xuvenil e a súa primeira novela, Pérez. Historia dun triunfo, coa editorial Galaxia en novembro de 2021. Colaboradora habitual en prensa, radio e TV., na actualidade reside en Silleda, onde desenvolve con Andrés Duro o espazo de agrocultura A Gargalleira.

- Alberto Avendaño (Vigo, 1957).- Xornalista e escritor, licenciose en Filoloxía xermánica na USC e mais en Xornalismo na Texas Tech Univ. (Lubbock, Texas). Traballou na RTVG conducindo noticiarios e magazines ata 1991, cando marchou aos EUA. Alí foi Lector de Español na John Hopkins Univ. (Baltimore, Maryland) e director de El Tiempo Latino dende 2000, onde continuou como CEO despois de que o Washington Post comprara o medio. Tres dos programas que dirixiu Avendaño recibiron senllos premios Emmy. Como escritor, fundara en 1976 o Grupo Rompente con Manuel R. Romón e Antón Reixa. Entre as súas últimas obras resaltamos Maasai: Unha historia de vida en Africa (2017) e Caosmos (2022). Tamén ten traducido a E.A. Poe e Roald Dahl entre outros.

- Ricardo Araújo (Ourense, 1996).- Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é creador audiovisual. Ten dirixido dous proxectos de ficción: a curtametraxe Estatus (2018) e a serie web @Destapando_Casares (2020). Tamén saíron da súa man os videoensaios Bieito Iglesias. Unha vida en palabras (2021) e mais Helena Villar Janeiro. Toda unha vida (2022), este último en coautoría con Laura Guizán, estreados nas anteriores edicións de Coordenadas. Ten dado aulas de Guión, produción e realización de programas de ficción na Facultade de Comunicación de Pontevedra, e realizado traballos para a Fundación Matrix. Ademais de programar para o OUFF, Ourense Film Festival, na actualidade combina a creación audiovisual coa comunicación no seu estudo, Konta.

- Laura Guizán (Vigo, 1998).- Graduada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é coordinadora e programadora de OUFF en Curto, no Ourense Film Festival. Ten dirixido dúas curtametraxes: o documental Cuncas, seleccionado en 2020 no Festival Suroscopia de Granada, e mais a peza de ficción Nosotros y yo (2019). Xunto con Ricardo Araújo dirixiu o videoensaio Helena Villar Janeiro. Toda unha vida (2022). Ten realizado traballos de fotografía e vídeo para a Ourense Film Commission e mais a Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade adícase, ademais de á creación audiovisual, á comunicación e mais á edición de vídeo.

- Kongo Kimbiza (Tumaco, 1971).- Carlos Rodríguez Castillo, 'El Diablo', naceu na ribeira sur do Pacífico colombiano. Conservador da tradición oral e poeta de oficio, cultivador da décima cimarrona, leva máis de 30 anos narrando o diario acontecer da rexión do Pacifico Sur de Colombia. Mestre da palabra rimada, Tallador y Custodio da Décima Cimarrona investiga a poética afropazífika daquel fisterre. Sobre tradición oral ten publicado:  Tres dedos de espanto y una mano de mal de ojos”. Mitos y Leyendas del Pacifico (2000); Bajo el sol de las tres letras”. Décimas de la Manglería (2002); Trayectos de la Palabra (2004), e T - Positivo (2021). Coautor del Maletín de Relatos Pacíficos (2017).

- Mauricio Chaves Bustos (Ipiales, 1969).- Licenciado en Filosofía e Letras e Dereito, escritor e, na actualidade, presidente do Consello Departamental de Cultura de Nariño (Colombia). É, tamén, experto Facilitador en procesos de diálogo para la paz. Como escritor, practica a poesía, o relato e mais o ensaio. Entre os seus libros salientamos El Vuelo del Kinde (2013); Rimas Crepusculares, poesía de Florentino Bustos (2017); Liturgia del Amor, oraciones profanas para amantes profanos (2018) e, ultimamente, En el litoral recóndito (2021). Ten recollido premios en diversos concursos, como o Internacional de microrrelatos Avatares; Interuniversiario de Poesía La Salle; Nacional de Cuento Neriano, Internacional de relatos Benito Pérez Galdós ou Relato da Alcaldía Mayor de Bogotá.

- Inma López Silva (Santiago de Compostela, 1978).-  Doutora en Filoloxía Galega pola USC, é profesora de Teoría e Historia das Artes Escénicas na ESADg, Escola de Arte Dramática de Galicia. Como escritora, cultiva a novela e o ensaio, tendo publicado máis dunha ducia de títulos, dende Neve en abril (1996), coa que conseguiu o seu primeiro galardón, ata Escola de mulleres (2023). Traduciu ao galego a Albert Camus (Calígula. O malentendido) e mais a Jean Genet (As criadas. O balcón). Recibiu os premios Xerais (1998), Manuel Murguía (2005), Losada Diéguez (2017) e da Crítica de narrativa galega (2020), entre outros. Colabora habitualmente no xornal La Voz de Galicia e nas revistas Citania e Grial.

- Antía Ameixeiras (Soesto, 1993).- Graduada en violín no Conservatorio de Carballo, e mais en Comunicación Audiovisual na USC, especializouse en violín tradicional en A Central Folque (Santiago). Despois de estadías en Praga, Bulgaria e Francia, recibe en 2015 a Beca de Excelencia Artística Afundación, para una xira polos EUA con Carlos Núñez. Participou con Carlos Núñez no filme La jota, de Carlos Saura, e en proxectos con Kepa Junkera, Luar na Lubre, Sergio Tannus e Samarúas. No 2019 gravou o seu primeiro álbum co trío de músicas do mundo Oîma,. Tamén ten compartido escenario con músicos da talla de Gustavo Santaolalla, Jordi Savall e Hespèrion XXI, Dan Ar Braz,  Ceumar o Uxía Senlle.

- Sabela Caamaño (Oza dos Ríos, 1990).- Profesora no Conservatorio Profesional de Música da Coruña, é titulada superior en Acordeón, Pedagoxía da Linguaxe Musical e Piano. Como pianista, destaca a súa gravación da banda sonora do filme Elisa e Marcela (2018) de Isabel Coixet. Como acordeonista ten recollido diverso premios, como o 2º premio no IV International Folk Instrument Festival Competition en San Petersburgo (Rusia), ou senllos primeiros premios na categoría Junior Varieté nos certames Nacional e Ibérico de Acordeón. Ademais do seu proxecto máis persoal, dúo Caamaño&Ameixeiras, colabora con outros músicos regularmente, formando parte do trío Quinta San Vitorio, xunto a Pedro Lamas e Sofía Portugal, e da Europejska Orkiestra, dirixida por Roberto Somoza.

 

EDICIÓNS ANTERIORES DE COORDENADAS

> Coordenadas 2022

> Coordenadas 2021

VIDEOENSAIOS DE HOMENAXE

PROGRAMA 2023

GUÍA ACCESIBLE

Grazas á webapp CIMA (Cultural Information Made Accessible) do proxecto europeo ALLURE, pódese consultar unha breve guía accesible sobre o evento.