ÁREA DE DIÁLOGO INTERCULTURAL

A Fundación Carlos Casares propúxose, dende os seus inicios, a realización dunha serie de actividades coas que tenta dar continuidade ao gran capital de relacións establecidas durante a súa vida por Carlos Casares. Deste xeito, e tal como se expón no seu documento fundacional, entre os seus obxectivos prioritarios está o de “constituírse como entidade mediadora entre a cultura galega e a cultura universal dende criterios de abertura, pluralismo e respecto á diversidade cultural”. Para conseguir este obxectivo, definiuse a área de traballo de “Diálogo intercultural”.

Diálogos Literarios da Fundación

Os Diálogos Literarios da Fundación tentan fornecer un vieiro de contacto entre a literatura galega e a universal. Non están concibidos como un congreso de especialistas ou unha xuntanza académica, senón como un foro capaz de se converter nunha referencia para o debate literario nos ámbitos galego, español, portugués e iberoamericano. Pretende ser, así mesmo, un espazo para o diálogo e o intercambio de opinións e experiencias entre escritores, críticos, tradutores, editores, profesores e políticos procedentes de Galicia, España, Portugal e Iberoamérica, sempre nun ambiente no que se prioricen valores como a pluralidade, a tolerancia e a convivencia, para o cal resulta de interese que todos os participantes poidan manter a súa estadía durante a totalidade das xornadas.

Os Diálogos Literarios artéllanse en sesións de mañá e tarde ao longo de varias xornadas. En cada unha delas, dous convidados, moderados por un terceiro, expoñen cadanseu relatorio, logo do cal principia unha quenda de coloquio entre todos os asistentes a partir das suxestións que propicia a temática particular de cada sesión e os enfoques das intervencións previas.

As primeiras sete edicións dos Diálogos Literarios tiveron lugar no Pazo de Mariñán (Bergondo, A Coruña). A partir de 2011 houbo un cambio de localización, e pasaron a desenvolverse na Cidade da Cultura de Galicia.

Enlace: Noticias relacionadas cos Diálogos Literarios

Encontros de Mondariz-Balneario

Os ‘Encontros de Mondariz-Balneario’, reunión de carácter anual celebrada na localidade pontevedresa de Mondariz-Balneario durante unhas xornadas do terceiro trimestre do ano, nas instalacións do Hotel Balneario de Mondariz, naceron inspirados no talante aberto e dialogante de Carlos Casares, cuxo legado literario, cultural e cívico quere preservar e difundir a Fundación que leva o seu nome. Así, os Encontros téñense consolidado como unha contribución dende Galicia aos debates de actualidade internacional, a prol do intercambio intelectual e o enriquecemento da relación entre o noso país e o mundo, coa pretensión de se converteren nun foro de debate estable para, desde Galicia, proceder ao intercambio de opinións sobre cuestións fundamentais do mundo contemporáneo.

Enlace: Noticias relacionadas cos Encontros