COORDENADAS. Diálogos Literarios da Fundación Carlos Casares

QUE É?

COORDENADAS é unha actividade literaria para Santiago de Compostela no ronsel dos Diálogos Literarios clásicos da Fundación Carlos Casares, que se desenvolveron desde 2004 a 2012 entre Mariñán (Bergondo) e Santiago de Compostela.

A súa adaptación ás novas circunstancias ten en conta tres eixes fundamentais: a evolución dos públicos, as tendencias do mercado editorial e o agromar de novas linguaxes. O seu campo de actuación é basicamente a literatura galega –en concreto a novela, o conto e mais o ensaio–, aínda que con extensións ás literaturas peninsulares e incluso ás literaturas europeas e americanas. Procúrase, xa que logo, tender pontes entre a literatura galega e a literatura mundial. Este ano búscase establecer un diálogo entre a literatura, a música, a arte urbana e as homenaxes a escritores e escritoras galegas, nunha edición con moitas sorpresas.

COORDENADAS é posible en especial grazas ao Concello de Santiago de Compostela, co seu apoio ao proxecto dende o primeiro momento. Tamén da Xunta de Galicia e, por suposto, á SELIC - Semana do Libro de Compostela, que, coa súa xenerosidade, permitiu que o evento teña lugar nun marco tan acaído para a ocasión.

INFORMACIÓN

Datas: 17 e 18 de xuño de 2022.
Lugar: Auditorio do Museo das Peregrinacións (Praza de Praterías, 2) e tamén na Praza do Toural.

PARTICIPANTES

- Xosé Carlos Caneiro, escritor e profesor natural de Ourense. Licenciado en Xeografía e Historia, colaborador habitual na prensa galega e nacional, así como en programas culturais na Televisión de Galicia. Autor de máis de vinte títulos entre novela, poesía e ensaio, e galardoado en máis dunha ducia de ocasións (Torrente Ballester, Crítica Española ou Eixo Atlántico). Xosé Carlos recitará e comentará un fragmento (aínda por desvelar), acompañado por Emilio Rúa con música de guitarra.⁣

- Emilio Rúa é cantautor, natural de Ourense, afeito á música dende moi novo, cando tocaba nunha orquesta do seu pai. El mesmo define o seu estilo entre o pop e a música tradicional. Ten gravado nove discos nos que reúne máis de 100 cancións entre títulos propios e versionados. Colabora con outros artistas e adoita musicar textos doutros autores como Rosalía de Castro, Álvaro Cunqueiro, Celso Emilio Ferreiro e, ultimamente, Xosé Carlos Caneiro.⁣

- Mariana Carballal, intérprete, directora e pedagoga, será quen poña voz a un fragmento de novela moi especial, aínda por desvelar. Licenciada na Real Escuela Superior de Arte Dramática e Danza, realizando dous posgraos na Universidade da Coruña e na Universidade de San Antonio de los Baños (Cuba). Gañadora do premio Galicia en Feminino (2004), Premio Macara de Teatro e XOCIVIGA de honra (2016), reúne experiencia en ámbitos como o teatro, a televisión e o cine.

- Lulavai. Cuarteto feminino de harpas celtas e o doce son das súas voces, formado por Lorena Reinaldo, Paula Oanes, Josefa Fernández e Elena Paz, que dan vida a un estilo propio e único. Coñecense en 2005 cando desenvolvían os seus estudos de harpa, ao mesmo tempo que formaban parte da orquestra Folc Sondeseu, baixo a dirección de Rodrigo Romaní. Cor das verbas (2010) ou Lémbrame un soño (2015) son dous dos seus álbumes máis coñecidos.

- O artista vigués Chephoner estará connosco creando unha obra en grafiti ao aire libre durante a tarde do 17 de xuño e a mañá do 18. Chephoner leva máis de vinte anos deixando a súa pegada pintando e decorando locais, paredes e muros por toda Galicia. É un dos artistas con máis anos de experiencia no panorama do grafiti local. A obra versará sobre a creación literaria, con referencias a Galicia e tamén a Carlos Casares.

- Xosé Antonio López Silva, catedrático de latín. Exerceru diversos labores de investigación para institucións coma o Consello da Cultura Galega e o Instituto da Lingua Galega. Entre as súas publicacións destacan a edición e tradución da Crónica do historiador galaico-romano Hidacio de Chaves, ou Electra, de Sófocles. Ademais, é crítico literario de diversas revistas como Grial, e colaborador habitual dende 2016 en Radio Clásica, no programa "Sinfonía de la Mañana".⁣

- Francisco do Romualdo, ou Francisco Almuíña participará xunto con Xosé Antonio López Silva poñendo o son da súa zanfona e voz para un fragmento dunha obra, aínda por desvelar. Preside a Asociación "Ribeira Sacra Rural", que agrupa iniciativas emprendedoras para revitalizar o turismo sostible e para dar dinamismo á comarca, rexenta a Casa Rural do Romualdo e é o primeiro guía xordocego de Galicia.

- Helena Villar Janeiro estudou maxisterio e filosofía (sección Pedagoxía). De mestra, traballou ata os 28 anos nos Ancares: en Vilaver (Cervantes) e mais en Quintá de Cancelada.⁣ Como escritora ten publicado máis de vinte títulos de LIX, entre eles Viaxe a Illa Redonda (1987), Contos do Sol e da Lúa (2017), Alba (2021); tamén narrativa: O enterro da galiña de Domitila Rois (1991); ensaio: Paseos Literarios (2001), e poesía.⁣ Foi tamén a sétima presidenta da Fundación Rosalía de Castro.

- Luz Darriba é unha artista e escritora uruguaia, coñecida polas súas macroaccións urbanas como CUMULUM (2000), na que rodeou o perímetro da muralla romana de Lugo en apoio á candidatura da declaración deste monumento como patrimonio da humanidade pola UNESCO. Premio Cultura Galega das Artes Plásticas, na súa vertente literaria, recibiu o 1º premio Anxel Fole (2012) por Monstros, e o 1º premio do Certame de Relatos sobre a Igualdade en 2014.

VIDEOENSAIOS DE HOMENAXE

PROGRAMA 2022

STREAMING DA PRIMEIRA EDICIÓN

GUÍA ACCESIBLE

Grazas á webapp CIMA (Cultural Information Made Accessible) do proxecto europeo ALLURE, pódese consultar unha breve guía accesible sobre o evento.