O Concello de Nigrán e a Fundación Carlos Casares colaboran un ano máis para homenaxear, potenciar e dar a coñecer a figura e a obra de Carlos Casares entre a mocidade de Nigrán a través dun concurso literario. Froito desta unión é unha convocatoria da Gala ‘Carlos Casares no camiño das artes’, que consta do concurso escolar municipal de relato curto que ten como tema central ‘As laranxas que medraban en Nigrán’, en clara alusión ao famoso conto do escritor, As laranxas máis laranxas de todas as laranxas, que o ano pasado cumpriu os 50 anos da súa publicación, e tamén da súa estrea na I Mostra de Teato Galego de Ribadavia que organizaba a Asociación Cultural O Facho.  A finalidade é estender o legado do escritor ás novas xeracións nun concello que namorou tanto a Carlos Casares como a Kristina Berg, a súa dona, como para construír nel o seu fogar definitivo.

Carlos Casares está ligado para sempre a Nigrán e queremos que a nosa mocidade así o sinta; por iso nos parece moi acertado promover a lectura da súa obra e animar a que escriban as súas propias historias partindo das del, é seguramente o noso veciño máis ilustre e querido”, sinalou durante a presentación do convocatoria Juan González, alcalde de Nigrán, lembrando o escritor falecido en 2002 en Nigrán e soterrado no cemiterio municipal do Ceán.

A Fundación Carlos Casares destaca importancia deste concurso e a súa Gala de entrega, dirixidos aos escolares de Nigrán, onde os nenos e as nenas son os protagonistas, para que no futuro, cando sexan adultos e maiores, manteñan no corazón un recordo entrañable do seu veciño, que veu, que un día escribiu: Nigrán, o lugar onde me gusta vivir.”

   O concurso está dirixido a alumnado de Primaria matriculado nalgún dos colexios de Nigrán (CEIP Humberto Juanes de Nigrán, Mallón, Carlos Casares de Vilariño, da Cruz en Camos, CPI Arquitecto Palacios en Panxón, Ángel de la Guarda en Priegue e Estudio de Chandebrito) e CEE Juan María de Parada e CEE de Panxón. A historia debe xirar en torno a froitas animadas como protagonistas e o prazo de presentación de obras finaliza o 30 de marzo. A entrega de premios realizarase nunha gran gala o sábado 27 de abril no Auditorio Municipal, constando de cadanseu lote de libros para os 5 primeiros clasificados e diplomas para todos.

Este é o enlace ás bases do concurso, que podes consultar e descargar tamén dende a web do Concello de Nigrán.  Tamén podes ver aquí o cartel do evento.

Non perdas as noticias sobre a preparación da II Gala Carlos Casares no camiño das artes, con toda a información sobre as persoas e artistas invitadas. Séguea a través das nosas redes:

  X : twitter.com/fcarloscasares (@fcarloscasares)

  Ig: instagram.com/f.carloscasares