A Fundación Carlos Casares ten á disposición dos centros de ensino e doutras entidades e institucións, unha serie de exposicións sobre a vida e obra de Carlos Casares, adaptables aos espazos expositivos. Pode usarse o formulario de contacto para solicitar información sobre dispoñibilidade e condicións das exposicións.
Centrada na traxectoria pública e vital de Carlos Casares, recolle en moi apertada síntese o esencial do percorrido biográfico do noso autor, dende o seu labor como escritor e editor ata as súas actividades na vida política e cultural de Galicia. Conta cun bo número de fotografías e textos explicativos acompañados dunha extensa e variada mostra de obxectos, entre os que salientan os diversos exemplares da súa obra.
Máis información sobre a exposición “Os Mundos de Carlos Casares”.
O PRINCIPIÑO AO REDOR DO MUNDO. A COLECCIÓN DE CARLOS CASARES
Inicialmente integrada na exposición “Os Mundos de Carlos Casares”, a súa magnitude e importancia supuxeron a súa separación para converterse en colección de seu. A exposición forma parte da colección privada do escritor que, tras o labor de tradución d´O Principiño á lingua galega, e seguindo o seu afán de coleccionista, comezou a mercar exemplares da obra de Saint-de-Exupéry en distintas linguas e dialectos do mundo. No momento da súa morte xa posuía máis de 100 exemplares en distintas edicións, en linguas xermánicas, eslavas, románicas escandinavas, etc.
Máis información sobre a exposición “O Principiño ao redor do mundo. A colección de Carlos Casares”.
CARLOS CASARES E A FOTOGRAFÍA
A exposición recolle fotografías tiradas polo propio Casares, así como outras nas que el mesmo aparece fotografado. Trátase dun conxunto de obras relacionadas con distintos ámbitos: o familiar, onde existen retratos (e autorretratos), a fotografía de viaxes e obras fotográficas de carácter profesional. Na exposición tamén se amosan unha selección de cámaras da colección privada do escritor.
Máis información sobre a exposición “Carlos Casares e a fotografía”