INFORMACIÓN E OBXECTIVOS

A FUNDACIÓN

A Fundación Carlos Casares constituíuse o 15 de xullo de 2002A Fundación Carlos Casares nace o 15 de xullo de 2002 por iniciativa da familia e amigos do escritor, a penas catro meses despois do seu inesperado falecemento, animada polo mesmo espírito que inspirou a vida e a obra de Carlos Casares. Constitúese oficialmente o 9 de setembro do mesmo ano e comeza a súa actividade o 18 de marzo de 2003. Esta institución xorde coa pretensión de constituír unha instancia para a reflexión sobre a sociedade e a cultura na que vivimos, e co propósito de se manter sempre ao servizo de Galicia e dunha convivencia democrática baseada no pluralismo, o debate libre e o diálogo aberto co mundo.

A súa sede principal está en Vigo, cedida mediante convenio polo concello, dende 2003 na sede provisional da rúa Elduayen e, a partir de 2011, na súa sede definitiva en dependencias do edificio municipal Casa Fernando Carrera (Rúa Oporto, 1 – 1º). Tamén dispón doutros espazos en colaboración con entidades doutras cidades de Galicia.

Kristina Berg (1948-2012), viúva de Carlos Casares, foi a primeira presidenta da Fundación, encargándose dende o primeiro momento de velar pola memoria do escritor e dos obxectivos fundacionais. Tralo seu pasamento, en 2012, Francisco Xavier Casares Mouriño toma o relevo da presidencia.

OBXECTIVOS

Os seus principais obxectivos son:
– Velar polo estudo e a difusión da obra literaria de Carlos Casares, así como pola preservación e a continuidade da súa biblioteca, o seu arquivo e as súas coleccións.
– Promover e difundir o legado do escritor no que se refire ao desenvolvemento cívico, social e cultural de Galicia, propiciando unha cultura cidadá que teña como eixes principais a comunicación, o diálogo e mais a tolerancia.
– Constituírse como entidade mediadora entre a cultura galega e a cultura universal desde criterios de apertura, pluralismo e respecto á diversidade cultural.
– Realizar toda clase de actividades que contribúan ao proceso de normalización lingüística e cultural de Galicia, especialmente naquelas áreas vinculadas á vida e á obra de Carlos Casares.

Para levar adiante os seus programas a Fundación Carlos Casares conta coa axuda dos seus padroeiros e colaboradores, así como dos particulares, empresas e entidades de todo tipo vinculadas a este proxecto a través dos Amigos da Fundación Carlos Casares.