O CeMAC é un Curso de Verán de Extensión Universitaria, organizado pola Fundación Carlos Casares e a Vicerreitoría do Campus de Ourense da Universidade de Vigo, a través da súa Cátedra Carlos Casares. Esta actividade, que ten periodicidade anual e está dirixida por Miguel Anxo Fernández, crítico de cine e profesor da UVigo, céntrase no eido da comunicación audiovisual. Desenvólvese anualmente no Auditorio Municipal Iludara de Celanova (AMIC), durante as primeiras datas do mes de xullo. A inscrición faise electrónicamente a través do sitio da Vicerreitoría do Campus de Ourense.
Enlace: Noticias relacionadas co CeMAC.
Enlace: Facebook do CeMAC.
Enlace: Dez anos de CeMAC (vídeo)
Historia
A primeira edición tivo lugar no ano 2004, co curso Cine e literatura. Casares e o cine, reunindo no berce de Manuel Curros Enríquez a cualificados especialistas e profesionais do sector para disertar arredor das súas diferentes disciplinas. Dende aquela, abordáronse unha longa serie de temas: Ficción televisiva (2005), Documental. Imaxinar a realidade (2006), Novos formatos, novas pantallas (2007), Os sons e as imaxes da información. Radio, televisión, internet (2008), O audiovisual e as industrias culturais (2009), Cine e televisión. Cara e cruz (2010), Cine galego: entre o obxectivo identitario e a produción “low cost” (2011), Crise vs creatividade: os novos desafíos do audiovisual galego (2012), O audiovisual galego: presente cambiante e alternativas de futuro (2013), Audiovisual en Galicia: 25 anos de presente (2014), Audiovisual galego. Abrindo fronteiras desde a diversidade (2015), Audiovisual galego en feminino. Singularidade e diversidade (2016) e A obra audiovisual, suma de talentos.
Inicialmente as conferencias e proxeccións tiñan lugar nas dependencias do magnífico mosteiro de San Rosendo de Celanova. A partir do ano 2011, coa construción e inauguración do AMIC, o CeMAC desenvolveu a súa actividade nas dependencias do moderno auditorio. Entre os patrocinadores que fixeron posible esta actividade nalgún momento das súas 13 edicións destacan o Concello de Celanova, o Ministerio de Cultura, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Deputación Provincial de Ourense, o antigo Consorcio Audiovisual de Galicia, a Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC), a Deputación Provincial de Ourense, o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), a Vicerreitoría do Campus de Ourense da UVigo, a Compañía de Radio Televisión de Galicia (RTVG), etc.
Características e actividades paralelas
O CeMAC está recoñecido academicamente pola concesión de dous créditos de libre configuración ou un crédito ECTS, outorgados pola Universidade de Vigo. O número de prazas é limitado e as taxas de inscrición redúcense para membros de determinados colectivos (membros da comunidade universitaria da UVigo, habitantes censados no Concello de Celanova, Amigos da Fundación Carlos Casares, etc.). Así mesmo, dispóñense facilidades para o desprazamento dos participantes mediante transportes gratuítos dende o Campus de Ourense e para o seu aloxamento no albergue da vila.
As xornadas dos cursos desenvólvense en sesións de conferencias e mesas redondas, complementadas por proxeccións, exposicións e outras actividades paralelas (concertos ao aire libre, visitas guiadas, etc.).
CELANOVA: PLATÓ DE FICCIÓN
Por outra parte, no ano 2007 tivo lugar unha experiencia piloto, co audiovisual “Onde o mundo se chama Celanova”, que a partir de 2010 se configurou no Taller Audiovisual “Celanova: plató de ficción”. Ao abeiro do CeMAC creouse esta experiencia, eminentemente práctica, dirixida ao alumnado de Comunicación Audiovisual da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da UVigo. O obxectivo da mesma é a produción dunha peza audiovisual nun tempo determinado e cun orzamento pechado, e facendo a súa estrea durante o Cruso e a través doutras canles como a WebTV da Universidade de Vigo. A selección de actores realízase mediante casting entre o alumnado da Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia grazas a un convenio entre a dita entidade e a Fundación Carlos Casares.
A dirección do taller corre a cargo de Paulino Pérez Feijoo, profesor do departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade da UVigo. Deste taller saíron os seguintes títulos:
- Ano 2010: O Americano (falso documental)
- Ano 2011: Os calderetas (falso documental “making off”)
- Ano 2012: Burbujas (curtametraxe)
- Ano 2013: Fame (webserie)
- Ano 2014: Interfecto (webserie)
- Ano 2015: Vento ferido (mediametraxe)
- Ano 2016: Prevenidos (webserie)
- Ano 2017: Van (mediametraxe)