As V Xornadas de Videoxogo e Literatura son unha actividade anual da Fundación Carlos Casares, que pretende abordar o sector cunha perspectiva transversal, sen perder de vista a relación coa literatura e as súas técnicas, así como as relacións que se establecen con outros sectores culturais e creativos. As Xornadas de Videoxogo e Literatura pretenden, tamén, ampliar o coñecemento público do sector; debullar as perspectivas de crecemento e apuntar retos e desafíos dos seus profesionais.
Nesta quinta edición consolídase a mirada transversal mediante novos contidos para as mesas redondas e os faladoiros (dobraxe, tradución, creación de contidos, procura de accesibilidade, sostibilidade, creación indie, mangas, xogos de mesa e rol, proxectos educativos e formativos, etc.), unha masterclass sobre deseño de diálogos, e, por primeira vez, coa presenza de Elesky cun concerto gratuíto no auditorio/cine Salesianos o venres 29 de setembro.
Consolídase tamén a “Desconferencia”, un espazo reservado a calquera persoa interesada en vir falar ata un máximo de 15 minutos da súa experiencia, do seu proxecto creativo no sector do videoxogo, das súas inquedanzas na literatura transmedia, etc. Un micro aberto na que, para poder participar, soamente é necesario apuntarse previamente.
REXISTRO GRATUÍTO
A entrada é de balde. É recomendable, en termos de aforo, que as persoas interesadas se apunten previamente na páxina web das Xornadas: www.videoxogoeliteratura.gal Para a “Desconferencia”, hai un rexistro específico na sección correspondente dentro da mesma páxina.
Máis información: Web do evento; X (anteriormente Twitter); Instagram; Facebook.
Material: Programa de man; Cartel