O edificio Fontán da Cidade da Cultura acolleu a presentación da edición d’A galiña azul na súa tradución ao ucraíno, como parte da colaboración que a entidade e a familia do escritor desenvolven coa Xunta de Galicia para fornecer de material educativo e cultural galego ao alumnado ucraíno refuxiado en Galicia que, neste momento, alcanza os 700 escolares. A obra repartirase en centros escolares e bibliotecas de toda Galicia. No acto de presentación, ante diverso alumnado galego e ucraíno de varios colexios, estiveron presentes o conselleiro de cultura, Román Rodríguez; o secretario xeral de política lingüística, Valentín García; a profesora Marta Castro; a auxiliar de conversa Svitlana Baranenko; e por parte da fundación e da familia, Hakan Casares.

A CURIOSA HISTORA DE COMO “A GALIÑA AZUL” SE CONVERTE EN “O RAPAZ QUE TRAE A FELICIDADE”

A versión ucarína d´A galiña azul é moi curiosa. Respondendo a unha invitación da Unión de Escritores da Unión Soviética, Carlos Casares viaxa varias veces a partir de 1983 pola extinta URSS, impartindo conferencias e participando en seminarios xunto con outros escritores españois, como Manuel Vázquez Montalbán ou Joan Perucho, cos que establecerá unha intensa e duradeira relación de amizade.

Parte da obra destes escritores é traducida a ruso, pero especialmente a ucraíno, xa que é en ucraína onde este grupo de escritores fai vida durante varios meses. O escritor e tradutor Mihail Ivanovich Litvinets (Zhytomyr, 1933) traduce neses anos uns cantos contos d´Os escuros soños de Clío e tamén, en 1987, A galiña azul, con algunhas pequenas diferenzas do orixinal. Desaparece a dedicatoria a Ana Lasquetty, e tamén a “carta inicial” que lle escribe o autor. E ademais, o foco protagonista deixa de ser a galiña azul, e pasa a ser o tolo Leoncio, que se converte en “O rapaz que trae a felicidade”, que sería a tradución directa da obra en ucraíno. A edición desta fermosa obra de 1987, con debuxos da afamada ilustradora Oksana Ignaschenko, tivo unha tirada que aquí en Galicia sorprende polo seu volume: 250.000 exemplares. Un cuarto de millón de libriños de Carlos Casares en formato A4 circulando polos fogares de nenos e nenas de Ucraína a finais de 1980.

O NACEMENTO DESTA NOVA EDICIÓN

35 anos despois, e en circunstancias moito máis tristes, edítase novamente esta tradución con pequenas correccións para que os nenos e nenas de Ucraína que buscaron refuxio en Galicia poidan ter acceso a unha obra universal de tolerancia, respecto e resistencia, na procura da diversidade e da convivencia. Nesta edición, ademais, quixemos que a parte das ilustracións fose especial, sendo unha obra para nenos e nenas. Xa que logo, decidimos usar as obras que o alumnado do CEIP Rosalía de Castro presentaron no ano 2018 ao concurso polo 50 aniversario da publicación d´A galiña azul. Dese xeito, a obra é para nenos e nenas ucraínas con debuxos de nenos e nenas galegas. Un acto de irmandade e de solidariedade.