A Fundación Carlos Casares organiza, os días 11 e 12 de setembro, a segunda edición das Xornadas “Videoxogo e Literatura. Unha mirada transversal”, na que se debatirán a situación e perspectivas do sector do lecer interactivo en Galicia, as súas posibles sinerxías co sector cultural, con especial atención á literatura, e se impartirán diversos faladoiros especializados. O evento terá lugar, como o ano pasado, no auditorio do Museo de Arte Contemporánea de Vigo, será retransmitido en streaming e disporá dun aforo adaptado ao cumprimento das normas sanitarias vixentes a día de hoxe.

Como novidade para esta edición decidiuse apoiar a creación de contidos culturais que mesturen as facetas do videoxogo, as disciplinas artísticas e mais a literatura, con dúas competicións: unha para arte pixelada ou pixel art e outra para o desenvolvemento de videoxogos ou game jam. O obxectivo, en ambos casos, é a creación de contido artístico dixital relacionado coa obra de Carlos Casares.

Para o concurso de arte pixelada, o prazo vai do día 20 de agosto ata o 10 de setembro, e poderán participar nel todas as persoas maiores de 18 anos que presenten unha obra orixinal, de ata un máximo de 512*512 píxeles, sobre os episodios ou personaxes da novela Ilustrísima, da que este ano celebramos o 40 aniversario da súa saída ao prelo. O primeiro premio está dotado de 250 €, e o segundo de 125 €. As creacións artísticas poderán contemplarse no MARCO de Vigo ademais de na web das Xornadas (videoxogoeliteratura.gal).

O concurso para desenvolvemento de videoxogos, ou game jam, ten como finalidade a creación dun videoxogo, en equipos de tres persoas maiores de 18 anos, e nun prazo dunha semana, cun tema concreto que está relacionado coa obra de Carlos Casares e que só saberán as  persoas participantes en canto empece o período de programación. Establécese un premio de 500€ para o equipo gañador e de 250 € para o segundo equipo clasificado. O prazo para apuntarse comeza o día 20 de agosto e remata o día 31 de agosto.

Enlaces: