Unha muller contempla desde a ventá a triste existencia, nun piso ao outro lado da rúa, de quen noutro tempo fora un afouto escritor e profesor. A partir da súa mirada, Carlos Casares recrea en Deus sentado nun sillón azul todas as tensións e os medos dunha época, a da posguerra española e a Segunda Guerra Mundial, nunha pequena cidade galega: a represión a todos os niveis, unha resistencia política destinada a fracasar, a resignación dos derrotados, a arrogancia dos vencedores e o sentimento de culpa dos intelectuais que colaboraron co golpe desde posicións antidemocráticas.

En Deus sentado nun sillón azul Casares retrata a un dos seus personaxes máis logrados: un escritor comido comido polos remorsos dunha situación que, dalgún xeito, axudou a crear coa súa ansia de integridade. Como contraposición, un triángulo amoroso do que participa a muller que o observa, entrelazada coa narración principal nun texto que viaxa constantemente entre presente e pasado.

Deus sentado nun sillón azul foi publicado por Galaxia no ano 1996 e traducido ao castelán e o catalán.

Dixeron del

A voz narrativa feminina e o protagonista forman un dúo que debería pasar á historia da literatura galega.
Dolores Vilavedra, profesora de literatura na USC e crítica literaria

Perfecta ensamblaxe entre o personaxe protagonista e o contexto histórico no que este actúa. Nesta novela atópase unha magnífica reflexión artística sobre […] o papel e a responsabilidade dos intelectuais, as trampas da linguaxe e da cultura, a ambigua función das palabras, as tensións entre os ámbitos racional e afectivo, a dimensión tráxica da vida e da historia.
Damián Villalaín, escritor e profesor de arte dramática

O intento dunha narrativa que procura afondar nas complexidades do corazón humano -mesmo no lado escuro dese corazón- sen por iso renunciar a esa procura estilística da difícil simpleza.
Xosé Ramón Pena Sánchez, escritor