Unha ducia de relatos curtos forman Vento ferido, o libro que deu a coñecer a Carlos Casares en 1967 no entón nacente panorama literario galego. Nesta primeira obra, o autor toca xa algúns dos temas que serán fundamentais na súa traxectoria: a memoria, a desesperanza e a violencia.

É esta última a que destaca nos descarnados contos de Vento ferido, de apenas cinco ou seis páxinas: a violencia como rito de tránsito entre a infancia e a idade adulta; a vinganza e a reafirmación ruda da masculinidade; ou o axuste de contas persoal e político.

Alternando o monólogo interior coa narración en terceira persoa, Casares retrata personaxes desesperados, vellos que agardan unha visita que os saque da monotonía, cegos, enfermos e vítimas de amores imposibles, cunha linguaxe seca e apegada á oralidade.

Dixeron del

Un estoxo de relatos marcados pola soidade e o fatalismo como fío condutor, cun retrato da realidade crúa, onde hai máis sombras que luces.
An Alfaya, escritora

Non só é un bo libro de relatos, senón que é do máis persoal que escribiu. Aí está o verdadeiro Carlos, ao meu ver, medo, violencia, perturbación, ansiedade.
Suso de Toro, escritor

A vida mesma, ou a quen isto algunha vez non lle pasou?
Xoán Carlos Domínguez Alberte, escritor

Carlos Casares céntrase nos débiles, algo que non só efectuaba na súa literatura, senón tamén na súa vida.
Laura Piñeiro Pais, Madrygal, 2014