EXPOSICIÓN "Sorrisos por un mundo. O humor en Carlos Casares"

1> INTRODUCIÓN

O humor é unha das mellores capacidades do ser humano. Para algúns, é a maior mostra de intelixencia que existe. Resulta de axuda nos momentos difíciles, serve para socializarmos e é capaz de salvar vidas á vez que ensinar valiosas leccións.

Sorrisos por un mundo. O humor en Carlos Casares pretende, por unha parte, botar algo de luz sobre os distintos aspectos do humor tratando de responder preguntas de enorme interese: Que é o humor? Onde nace? Como é o humor noutras culturas? Cantos tipos de humor existen? Para que serve? Cal é a historia do humor en Galicia?

Por outra parte, a exposición afonda sobre o tratamento do humor na vida e obra literaria de Carlos Casares. O autor ourensán posuía un emotivo sentido do humor, dunha finura e sinxeleza nacidas da intelixencia e da paixón pola condición do ser humano para xerar historias, conectando coa fina retranca da oralidade que tan ben se lle daba. A exposición quere desmitificar a figura do escritor cunha mostra escollida de caricaturas, debuxos e fotografías onde, cada quen, poida botar un sorriso cómplice.

2> CONTIDOS DA EXPOSICIÓN

A exposición está composta por varios paneis estruturados estrutúrase en tres grandes bloques:

BLOQUE 1. Definicións, orixes e teorías do humor. Comézase por unha pregunta aparentemente sinxela: que é o humor? A partir desta, en principio, inocente cuestión nace toda unha filosofía por descubrir un universal humano que xurdiu hai máis de 35.000 anos e alcanza todas as culturas do mundo. A exposición tenta responder outras preguntas: Como xorde? Onde se xera e como nos afecta? Cales son os procesos do humor? Que teorías existen sobre o humor? Que pensan filósofos e pensadores de todos os tempos sobre ela? Como xurdiu en cada cultura do planeta? Teñen os animais tamén “sentido do humor”? Cantos tipos de humor hai? Que recursos se usan?

BLOQUE 2. O humor nas culturas do mundo e en Galicia. De forma sintética, a mostra repasa cada un dos continentes para traernos as orixes do humor en diferentes culturas do mundo (a tribu Akan, as culturas aborixes ou amerindias, Roma e Grecia...). Acto seguido, faise un repaso pola historia do humor no noso país: dende a tradición oral (contos, regueifas, lendas, chistes…), pasando pola literatura medieval (cantigas de escarnio e maldizer), o rexurdimento, o humor gráfico, o humor na literatura ou a banda deseñada, os memes...

BLOQUE 3. O humor en Carlos Casares. Explícase como estruturaba o humor Casares nas súas obras, como definía e percibía el o humor noutras persoas, a construción do humor na súa literatura infantil e xuvenil, adulta, xornalística… E exemplos escritos e tamén de audio para que o alumnado poida escoitar ao propio Casares. Por outra parte, quere desmitificarse a figura do escritor, ver o seu lado máis humano, con fotos do seu arquivo persoal e caricaturas e humor gráfico de máis de 20 ilustradores (Siro, Quesada, Sciammarella, Kiko da Silva, Pepe Carreiro, Abraldes…).

3> MATERIAL ADICIONAL

Para esta exposición pode consultarse de forma gratuíta a seguinte documentación:

  • Cartel xenérico. Cartel anunciador cos principais patrocinadores da mostra e un código QR de acceso directo aos contidos da mostra.
  • Guía didáctica. Esta guía, elaborada xunto con profesorado de dous centros escolares de Pontevedra, pretende ser un complemento didáctico que permita explorar o extenso contido da exposición dun xeito máis ameno, ao mesmo tempo que se amplían contidos e serve como ferramenta para achegar información adicional sobre o apaixonante mundo do humor. O humor é un elemento imprescindible da humanidade, cunha capacidade transversal, xa que engloba elementos científicos, históricos, sociais, culturais, lingüísticos, filosóficos e artísticos. Que mellor forma de aprender que mediante o coñecemento do que nos fai rir!
  • Libro-guía da exposición. Afonda na mostra con moitos máis textos e contidos, escolmas de textos de Casares, un artigo de Siro e moitas sorpresas máis.
4> CRÉDITOS E AGRADECEMENTOS
  • COMISARIADO E TEXTOS: Miguel Valverde
  • DESEÑO GRÁFICO: Sara Moreira e Sr. Reny Illustration & Design
  • CORRECCIÓNS: Sermuseum e Gustavo A. Garrido
  • AGRADECEMENTOS: Esta exposición non sería posible sen a xenerosa achega de moitas persoas (caricaturistas, debuxantes, artistas, profesionais da fotografía…) que cederon unha parte da súa obra para que fose representada aquí, e cuxos nomes aparecen reflectidos xunto ás súas obras. Agradecemos tamén a Siro López a súa inestimable axuda para completar a mostra e a documentación anexa.
  • PATROCINADORES: Esta exposición recibiu axudas e subvencións tanto para a súa creación como para a súa itinerancia. Agradecemos a confianza depositada polas seguintes entidades: Xunta de Galicia, Deputación da Coruña, Deputación de Pontevedra, Deputación de Ourense, Concello de Vigo e Concello de Xinzo de Limia.