A cidade de Vigo acolle dende o pasado 27 de setembro, e ata o día 5 de novembro, a exposición principal das Letras Galegas 2017 dedicado a Carlos Casares, e na que se repasa a vida e obra do escritor ourensán a través dun basto fondo documental e obxectual contido nunha estrutura expositiva tamén salientable e que non deixa indiferente debido á aposta pola estrutura autoportante e fractal. A mostra é un percorrido pola vida e obra do escritor ourensán, con atención ás súas principais creacións pero tamén ás súas relacións de amizade e familiares, as súas múltiples afeccións e o seu incansable activismo cultural en favor do galego e das artes.

Á inauguración asistiron, entre outros persoeiros, o fillo do autor, Hakan Casares; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmen Silva; o alcalde de Vigo, Abel Caballero; e o comisario da exposición, Gustavo A. Garrido. Integrada por materiais audiovisuais, obxectos persoais, imaxes inéditas e documentos históricos, Os mundos de Carlos Casares retoma materiais doutra mostra que se puido ver en varios puntos de Galicia entre os anos 2003 e 2012, reestruturados para a ocasión. Nos últimos tempos, a exposición viuse enriquecida pola achega de numerosos documentos procedentes dos traballos de catalogación do Arquivo Persoal, realizados de 2010 a 2012, e da investigación derivada deles, unha riquísima fonte para coñecer a traxectoria de Casares.

A mostra está comisariada por Gustavo Adolfo Garrido (secretario da Fundación) e Chus Martínez Domínguez, e conta cunha novidosa proposta expositiva froito do traballo do estudo coruñés Creus e Carrasco, especializado en eventos de gran formato. Conta con soporte audiovisual, ademais de paneis textuais explicativos, obxectos cotiáns, documentos e pezas históricas e fotografías orixinais, encadrados nun fondo histórico que permite coñecer mellor a época que lle tocou vivir a Casares.

No que vai de ano, e antes de recalar en Vigo, Os mundos de Carlos Casares puido contemplarse en Ourense, Santiago, A Coruña, Ribeira e Arzúa. Antes de finais de ano está prevista a súa instalación tamén nas vilas de Pontevedra, Lugo e Xinzo de Limia.