Ao mediodía de hoxe inaugurouse no Pazo de San Tomé de Mondoñedo a exposición «Os Camiños de Carlos Casares», que reúne 40 fotografías de Xurxo Lobato sobre textos de Carlos Casares. No acto estiveron presentes a parlamentaria María Elena Candia López en representación do alcalde de Mondoñedo; Paloma Vázquez Fernández, xefa do Servizo Provincial de Turismo, pola Xunta de Galicia; Roberto García Pernas, en representación da Deputación de Lugo; ademais de Hakan Casares Berg, fillo do escritor, e mais o autor das obras, Xurxo Lobato.
Hakan Casares recordou que a súa primeira experiencia en Mondoñedo foi grazas a unha viaxe familiar, pois o seu pai tiña moita querencia pola vila episcopal. Alegrouse de que esta nova visita fose cunha exposición de Xurxo Lobato, a quen o seu pai tiña en gran estima.
Paula Vázquez Fernández gabou a exposición, valorando especialmente a calidade das fotografías, especialmente despois deste período que todos padecemos.
O representante da Deputación celebrou a idea de traer exposición como esta a unha vila do tamaño de Mondoñedo, habitualmente fóra dos grandes circuítos, o que era unha boa estratexia cultural para revitalizar a comarca.
Pechou o acto Mª Elena Candia, que se mostrou encantada con esta actividade, que se sumaba as outras postas en marcha para mellorar a oferta da vila e como unha contribución a superar o parón cultural e económico motivado pola pandemia, agardando que a colaboración coa Fundación Carlos Casares non quedará limitada a este evento.
A continuación, Xurxo Lobato conduciu unha visita á exposición explicando a súa xénese e sentido e referindo algunhas anécdotas sucedidas durante a realización das fotos.
A exposición enmárcase no programa de actividades de O teu Xacobeo, da Xunta de Galicia, estando destinada a todos os públicos, e permanecendo aberta ata o día 30 de maio, de luns a venres en horario de 9 a 15 horas e de 18 a 20 horas.