II Semana Carlos Casares en Xinzo de Limia

Por segundo ano consecutivo, A Fundación Carlos Casares e o Concello de Xinzo de Limia organizan unha semana de homenaxe ao escritor ourensán e á forte vinculación que sempre tivo coa vila.  Do 8 ao 13 de abril de 2019, o Concello de Xinzo de Limia e a Fundación Carlos Casares colaboran na organización dunha semana de actividades e concursos para conmemorar ao escritor ourensán, dous anos despois da celebración do Día das Letras Galegas na vila.

1) VISITAS GUIADAS Á EXPOSICIÓN “OS MUNDOS DE CARLOS CASARES”

Ademais de xornadas de portas abertas para que calquera persoa visite a exposición das Letras Galegas dedicada a Carlos Casares, organizaranse visitas para grupos de entre 5 e 20 persoas nas que se fará un percorrido polos obxectos da mostra e se contarán os secretos e anécdotas que agocha.

Ademais, dentro desta actividade se desenvolverá a guía didáctica “Busca-busca”. Un documento que permite buscar información e dar contexto, de forma alternativa, á situación histórica da segunda metade do século XX na Galicia que viviu Carlos Casares.

 

2) CONCURSOS

– Concurso “A Limia é así”

En marzo de 1959 Carlos Casares remataba e asinaba un traballo escolar encargado polo profesor Don Ángel Cocho. Titulábase “La Limia es así”, e nas súas 15 páxinas percorría a xeografía, historia, tradicións e principais monumentos da comarca. Esta peza revela a visión que un mozo de apenas 17 anos tiña do seu espazo vital e amosa o cariño que lle tiña á súa terra.

O Concello de Xinzo de Limia e a Fundación Carlos Casares queren recordar ese momento convocando o concurso “A Limia é asi”, e convidan a todos os nenos e nenas dos centros escolares da Limia de entre 12 e 17 anos para que presenten obras divulgativas orixinais que sexan un reflexo de como viven, senten e transmiten calquera aspecto da comarca, nas seccións de texto divulgativo, fotografía, peza audiovisual e ilustración.

Enlace: Díptico do concurso “A Limia é así”

– Concurso de debuxos “A galiña azul

A obra de Carlos Casares A galiña azul, publicada pola editorial Galaxia en 1968, foi ilustrado por catro nenos e nenas (Trichi, Alberto, Mima e Ilda), fillos de Ricardo García Suárez (Xohán Ledo) e María do Carme Alonso Dacuña.

O Concello de Xinzo de Limia e a Fundación Carlos Casares convocan este concurso para engalanar a nosa querida amiga e os seus compañeiros de aventuras (Leoncio, Ana, a formiga esquiadora, Lorenzo…) e convidan a todos os nenos e nenas dos centros escolares da Limia para que presenten ilustracións que reflictan alguna das historias que aparecen na famosa obra de Casares.

Enlace:  Díptico do concurso de debuxos “A galiña azul”

– Concurso “Unha cuberta para Antonio Fraguas”

Neste ano 2019 dedícaselle o Día das Letras Galegas ao etnógrafo, escritor e historiador Antonio Fraguas Fraguas. Natural de Cotobade (1905), estudou bacharelato en Pontevedra e fixo a carreira de Filosofía e Letras en Santiago de Compostela. Ingresou nas Irmandades da Fala, presididas por Vicente Risco, e colaborou co Seminario de Estudos Galegos (1928), así como Na Real Academia Galega ou no Museo do Pobo Galego. Foi especialista en xeografía, etnografía, folclore e historia, e a súa traxectoria foi recoñecida con múltiples premios (o Trasalba, o Pedrón de Ouro, a Medalla Castelao…).

Enlace: Díptico do concurso “Unha cuberta para Antonio Fraguas”

3) EXPOSICIÓN “AS CARAS DOS LIBROS”

Esta é unha viaxe de descuberta polo deseño dun obxecto cotián que, xa dende a súa cara exterior, agocha unha serie de segredos e curiosidades apaixonantes. Convidámosvos a seguir con nós un percorrido a través do deseño das cubertas do libro galego en dous exemplos concretos e interesantes, como na colección de literatura infantil e xuvenil (LIX) “Árbore”, e tamén na moi variada obra literaria de Carlos Casares. O deseño da cuberta dun libro establece un primeiro diálogo entre o escritor ou escritora e o lector ou lectora a través da linguaxe plástica, combinando a composición textual e tipográfica, a imaxe, as cores e a mensaxe simbólica que presenta o título.

Os artistas e profesionais que se ocupan do deseño e ilustración dos libros convértense, xa que logo, en provedores de contidos visuais, centrando na cuberta un reclamo cuxa función sedutora resulta de moita importancia, pois soporta o peso publicitario, así como da identidade da obra que se achega.
“As caras dos libros” reúne e amosa unha ampla e significativa selección de cubertas das obras de Carlos Casares (Día das Letras Galegas 2017), xunto con outra da primeira década da colección Árbore de literatura infantil e xuvenil (LIX), promovida por Casares dende a editorial Galaxia en 1988, e codirixida por María Victoria Moreno (Día das Letras Galegas 2018), David Otero e Antonio García Teijeiro.

Enlace: Folleto da exposición. Tamén dispoñible unha guía didáctica para os centros escolares

 4) “O XOGO DO PAPAPÍO”

No seu esforzo por dar a coñecer a figura de Carlos Casares entre as xeracións mais novas de forma lúdica e amena, organizaranse varias sesións deste proxecto didáctico e interactivo conducido por un actor e dirixido a grupos escolares de entre 3º e 6º de primaria, onde se potenciará a retención, o traballo en equipo, a imaxinación e o xogo, todo isto baixo a liña temática do autor ourensán e os seus ideais de tolerancia, cooperación e diálogo.