Tras unha semana de actividades relacionadas co mundo e a obra de Carlos Casares na localidade de Xinzo de Limia, organizado pola Fundación Carlos Casares xunto co Concello de Xinzo de Limia, o venres 17 de maio fíxose entrega dos premios dos concursos de debuxo da obra A galiña azul de Carlos Casares, que este ano celebra o seu 50 aniversario dende a sua primeira publicación pola editorial Galaxia en 1968.

Tamén, en memoria da escritora María Victoria Moreno, á que se lle dedica este ano 2018 o Día das Letras Galegas, entregáronse os premios dun concurso onde nenos e nenas participaron no debuxo dunha cuberta das súas obras, unindo así as artes plásticas e a literatura.

Ás 12 horas da mañá tivo lugar o acto de clausura e entrega de premios dos concursos, no que os nenos e nenas gañadores tiveron a oportunidade de participar activamente. Foi o concelleiro de cultura, Carlos Gómez, quen abriu o acto, acompañado polo concelleiro de educación Luis Miguel Gil, o alcalde de Xinzo de Limia, Manuel Casas, así como diversos representantes dos diferentes partidos políticos.

O Director teatral e alumnado de Teatro Aneis fixeron lectura dunha escolma da obra de María Victoria Moreno. Tamén houbo representación da música popular e baile galego no Día das Letras Galegas.

Pecharon o acto o alcalde de Xinzo de Limia e o concelleiro de Cultura, no que se agradeceu a organización e colaboración da Fundación Carlos Casares nestes premios.

LISTADO DE GAÑADORES

No concurso “Unha cuberta para María Victoria Moreno”, as alumnas galardoadas foron:

  • 1º Premio: Aroa Joga Cuquejo, por “Guedellas de seda e liño”.
  • 2º Premio: Paula Lago Fernández, por “As linguas de España”.

 

No concurso “50 cumpreanos d´A galiña azul“, as alumnas galardoadas foron:

  • 1º Premio: Lucía Parada García, por “A galiña rara”.
  • 2º Premio: Andrea Coello Abreu, por “A formiga esquiadora”.

Ademais das alumnas galardoadas, os restantes nenos e nenas que participaron nos concursos recibiron tamén un agasallo polas súas obras.