O Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense acolle o día 7 de novembro as Xornadas “Carlos Casares”, simposio que anualmente a Real Academia organiza para a figura homenaxeda nas Letras Galegas, cunha mesa redonda e unha conferencia centradas na relación de Casares coa súa localidade natal. O programa continuará o xoves 9 de novembro na Casa Galega da Cultura de Vigo, cidade desde a que dirixiu Galaxia, coa mirada centrada no seu labor como editor. O presidente da Fundación Carlos Casares e irmán do escritor, Xavier Casares, e o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, inaugurarán ambas as xornadas, que se desenvolverán a partir das 17 horas.

Tras a inauguración, a xornada Casares en Ourense, Ourense en Casares continuará este martes cunha mesa redonda moderada por Afonso Vázquez Monxardín. A xornalista Maribel Outeiriño participará cunha intervención titulada “Un verán con Carlos”; o escritor Luís González Tosar falará do escritor, a súa dona e os amigos de Ourense e o investigador Xosé Manuel Salgado achegará o relatorio “Un escenario con algunhas sombras”. A partir das 18:30 horas será a quenda do tamén escritor ourensán Bieito Iglesias, que impartirá a conferencia “Casares e o pensamento solar”.

Programa de Vigo
O xoves 9 de novembro a Casa Galega da Cultura de Vigo será o momento de profundar en distintos perfís do Casares editor e algún aspecto máis da súa mocidade. A xornalista María Xosé Porteiro moderará a mesa redonda na que intervirán o director xeral de Xerais, Manuel Bragado, o responsable de produción da Editorial Galaxia, Xosé Soutullo, e o escritor e tradutor Francisco Xavier Senín. Manuel Bragado falará de Carlos Casares e a Biblioteca 120, Xosé Manuel Soutullo, da etapa do autor como responsable de Galaxia e Francisco Xavier Senín, de Casares como editor preocupado por atender a mocidade. A tarde rematará cunha conferencia do académico Xesús Alonso Montero sobre o pensamento político de Carlos Casares na súa mocidade baixo o título “A etapa marxistizante e guevarista de Carlos Casares (1965-1969)”.