O fermoso e imponente claustro do Edificio Sarmiento, que forma parte do Museo de Pontevedra, acolle dende o día 8 e ata o día 26 de novembro a gran exposición das Letras Galegas 2017 dedicado a Carlos Casares.
Pola mañá, ás 11 horas, tivo lugar a rolda de prensa, na que participaron Christian Casares, padroeiro da Fundación e fillo de Casares; Carme da Silva, concelleira de Cultura do Concello de Pontevedra; Xosé Leal, deputado de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra; María Jesús Martínez, comisaria da exposición; e Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia. Cada un dos protagonistas exaltou a figura do homenaxeado este ano 2017 como representante das Letras Galegas, cada un dende distintas perspectivas, e sinalaron tamén a importancia de que a cidade de Pontevedra puidese acoller a gran mostra sobre Casares.
A inauguración tivo lugar o mesmo día 8 de novembro ás 19 horas, coa participación de María Jesús Martínez e Gustavo A. Garrido, tamén comisario da exposición; Carlos Valle, director do Museo de Pontevedra; Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia; ou Miguel Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, quen, xunto co resto de institucións e persoas convidadas, percorreron a exposición, formada por máis de 800 pezas sobre a vida persoal e profesional do escritor ourensán.
O Concello de Pontevedra participa nesta exposición, ademais, coa organización de actos paralelos á mostra, como o concerto de Xardín Desordenado, o día 23 de novembro, e visitas guiadas temáticas que se anunciarán proximamente.