A exposición central das Letras Galegas 2017, Os mundos de Carlos Casares, abriu o 29 de novembro a súa itinerancia no Museo Interactivo da Historia de Lugo, onde se poderá visitar ata o próximo 26 de decembro. O acto inaugural contou coa participación do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, a quen acompañaron a alcaldesa, Lara Méndez; o presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos; o administrador da Fundación Carlos Casares, Hakan Casares; e a comisaria da mostra, Chus Martínez.
Tras o seu paso por Lugo, Os mundos de Carlos Casares viaxará a Xinzo de Limia (Ourense), en cuxo Museo Galego do Entroido fará parada desde o 29 de decembro. Con estas dúas cidades pechará o periplo que a levou polas catro provincias galegas desde abril, con paradas en Ourense, Santiago de Compostela, A Coruña, Ribeira, Arzúa, Vigo e Pontevedra. Na súa parda final en Xinzo de Limia, a exposición das Letras Galegas pechará o ano dedicado a Carlos Casares e establecerase nesa vila de forma permanente.
A mostra está comisariada por Gustavo Adolfo Garrido (secretario da Fundación) e Chus Martínez Domínguez, e conta cunha novidosa proposta expositiva froito do traballo do estudo coruñés Creus e Carrasco, especializado en eventos de gran formato. Conta con soporte audiovisual, ademais de paneis textuais explicativos, obxectos cotiáns, documentos e pezas históricas e fotografías orixinais, encadrados nun fondo histórico que permite coñecer mellor a época que lle tocou vivir a Casares.