O Concello de Nigrán e a Fundación Carlos Casares colaboran para homenaxear, potenciar e dar a coñecer a figura e a obra de Carlos Casares entre a mocidade de Nigrán en dúas das súas principais paixóns: a literatura e a fotografía. Froito desta colaboración é a convocatoria de “Carlos Casares: no camiño das artes”, dous concursos, un de relato curto e outro no eido fotográfico, para o alumnado de centros educativos públicos e concertados do municipio (primaria, secundaria e ESO). A finalidade é estender o legado do escritor ás novas xeracións nun concello que namorou tanto a Carlos Casares como a Kristina Berg, a súa muller, e onde construíron o seu fogar definitivo. Ademais de potenciar os hábitos relacionados coa cultura, que deben ocupar un espazo relevante nos inicios e etapas intermedias do período formativo do alumnado. O prazo de ambos os dous certames comeza o 1 de xaneiro de 2023 e rematará o 11 de marzo de 2023.

CONCURSO ESCOLAR MUNICIPAL DE RELATO CURTO “Toribio, unha aventura en Nigrán”.

O alumnado participante deberá presentar un relato curto no que o neno Toribio (unha personaxe de ficción de Carlos Casares) viva unha das súas apaixoantes aventuras nalgún lugar do Concello de Nigrán. Neste certame hai dúas categorías, unha que englobará de 4º a 6º de Primaria (ambas incluídas) e outra que englobará toda a ESO. Podes consultar aquí as bases do certame literario.

CONCURSO ESCOLAR MUNICIPAL DE FOTOGRAFÍA “Paulino apreta o botón”

O alumnado participante deberá presentar fotos feitas no municipio que sirvan como reclamo publicitario dalgún dos seus aspectos turísticos, patrimoniais, gastronómicos, etc. O xurado valorará calidade, vistosidade e un achegamento publicitario. Neste certame haberá unha categoría que engolbará de 1º a 3º de Primaria (ambas incluídas), e outra categoría que englobará do 4º de primaria ata a ESO (ambas incluídas). Podes consultar aquí as bases do certame fotográfico.