Os días 15-16, 22-23 e 28-29 de marzo terá lugar na Facultade de Dereito de Ourense o Curso sobre dereito a un Medio axeitado, desenvolvemento urbanístico e económico, e protección dos sectores de poboación vulnerables.

Organizado por Roberto Bustillo Bolado, profesor titular de Dereito Administrativo da Universidade de Vigo, o Curso, de carácter académico-profesionalizante, terá unha duración de 30 horas en horario de 16.30 a 21.30 horas, e cun número máximo de 50 prazas.

Dirixido ao alumnado da dita universidade e a calquera persoa interesada no tema, os obxectivos que pretende tratar o Curso son dunha parte o estudo, dende un punto de vista xurídico, pero tamén multidisciplinar, da imbricación entre a protección do Medio e o desenvolvemento económico. Por outra parte, preténdese dar a coñecer a situación xurídica de sectores de poboación sensibles (persoas en situación de dependencia, menores, inmigrantes, etc.), e como se proxectan sobre eles todos os aspectos relacionados coa protección do Medio e do desenvolvemento económico.

Inscrición

A inscrición ao Curso é gratuíta. Debe remitirse un correo electrónico ao enderezo dertic@gmail.com indicando o nome completo e o número de DNI. A inscrición farase por rigorosa orde de recepción dos correos electrónicos ata cubrir o número máximo de prazas. Foi solicitado o recoñecemento de 2 créditos de Libre Elección e 1 crédito ECTS para o alumnado da Universidade de Vigo.

O Curso está patrocinado pola Concellería de Medio Ambiente do Concello de Ourense, pola Cátedra Carlos Casares. Conta tamén co patrocinio do Programa Consolider Ingenio-2010 “O tempo dos dereitos” (HURI-AGE) e do Proxecto DERTIC, financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación (DER2011-25359). Colabora a Facultade de Dereito de Ourense (Universidade de Vigo – Campus de Ourense) e o Comité Universitario Campus Ourense “CUCO”.

Enlace: Programa do Curso