Casares no GRIALComo xa anunciamos, a revista GRIAL dedicou unha boa parte do seu número 196,  o último de 2012, a Carlos Casares, quen fora seu editor amén de director xeral da editorial Galaxia ata a súa prematura morte en 2002. Coa publicación deste semi-monográfico, a histórica editorial pecha a súa senlleira aportación á serie de iniciativas ao redor do décimo cabo de ano do escritor ourensán.  Un ano, como salienta Víctor F. Freixanes na súa carta do editor, salferido de publicacións, cursos, mesas redondas e todo tipo de actividades realizadas por asociacións culturais, concellos, centros educativos, bibliotecas, ademais dos programados pola propia Fundación e pola Editorial Galaxia.

O número, en concreto, dedicalle máis de medio cento de páxinas que distribue en tres apartados: no primeiro deles recolle senllos traballos sobre a narrativa casariana (Ángel Basanta), as traducións inéditas de Carlos Casares (Ana Luna e Iolanda Galanes), e a súa presenza en Galaxia (María Dolores Villanueva), os tres presentados no curso de verán que a UIMP lle dedicou ao escritor o pasado setembro; en segundo lugar, ofrécenos unha reflexión sobre a personalidade de Casares (Damián Villalaín)  desde o privilexiado punto de vista que lle dan ao autor anos de estreita proximidade compartindo labores de edición; e, finalmente, a escolma dunha decena de cartas de Xoán González-Millán a Carlos  Casares, datadas entre 1988 e 1997, presentada e anotada por Dolores Vilavedra.

Para nós ten especial significación o traballo sobre as traducións inéditas de Carlos Casares, escrito polas profesoras Ana Luna e Iolanda Galanes, do grupo de investigación BITRAGA da Facultade de Filoloxía e Tradución da UVigo, porque está construido sobre documentos do Arquivo Persoal do escritor que custodiamos na Fundación. É, polo tanto, parte do material inédito desvelado no programa de catalogación e dixitalización que desde hai tres anos patrocina a Fundación Cidade da Cultura. Tamén forma parte deste Arquivo, traballado como quen di ao outro lado da porta, as dez cartas de Xoán González-Millán (1951-2002) que por primeira vez facemos públicas a través das páxinas deste número de GRIAL.

O volume complétase cun artigo de Carlos Fernández, “Eloxio da valentía”, dedicado a Xosé Fortes Bouzán; unha reflexión política de Antón Baamonde, “Virán máis anos e farannos máis míseros”, e un ensaio de Carlos Lema, “Orde do mundo, secularización e progreso”, a propósito da posición de Hans Blumenberg (1920-1996); ademais de outras contribucións interesantes como é habitual nesta revista galega de cultura.