Grazas á colaboración entre o Concello de Xinzo de Limia e a Fundación Carlos Casares, entre o 8 e o 13 de abril de 2019 desenvolverase a segunda edición dunha semana cultural dedicada a Carlos Casares e que terá tamén á Limia como protagonista.

Esta actividade foi presentada o pasado venres nun acto oficial na sala de plenos do Concello. Contou coa participación do presidente da fundación, Xavier Casares, o administrador e fillo do escritor, Hakan Casares, así como o Concelleiro de Cultura, Carlos Gómez, e o técnico de cultura, Alfonso Lois, ademais dos membros do pleno do Concello.

Esta segunda edición contará con novidades, como a presenza da actividade “O xogo do Papapío” e a exposición “As caras dos libros. Unha viaxe polo deseño de cubertas na obra de Carlos Casares”. A actividade tamén desenvolverá eventos que xa estiveron presentes na primeira edición: concursos para escolares de varias idades en tres concursos diferentes (“Unha cuberta para Antonio Fraguas”, o concurso de debuxos “A galiña azul” e un concurso multisoporte baixo o título “A Limia é así”), visitas guiadas á exposición “Os mundos de Carlos Casares” e unha guía relacionada con esta exposición titulada “Busca-busca”.

Segundo as palabras de Hakan Casares, fillo do escritor ourensán: “O pretexto desta semana non é outro que o de seguir mantendo a relación que ten este concello coa figura do meu pai. O propio padroado da fundación do cal é membro o propio Concello, decidiuno así despois do grande éxito na organización dos actos das Letras Galegas dedicado a meu pai. Éxito non só recoñecido por nós, senón por todo o mundo que dixo que fora un día extraordinariamente ben organizado e cunha repercusión moi grande se se comparaba coa organización doutros anos, noutros lugares. Pensamos que era unha pena que iso quedara aí e que non se aproveitara esa colaboración para facer conxuntamente máis cousas. Aí foi cando se decidiu, non facer só un día , senón unha semana con actos para recordar ao escritor e á comarca.

Enlace: Segunda Semana Carlos Casares en Xinzo de Limia