O pasado xoves 24 de xuño, o salón de plenos do Concello de Xinzo de Limia acolleu un acto moi especial. A entrega de premios dos concursos de debuxo que a Fundación Carlos Casares, xunto co concello, organizou na comarca da Limia para o seu estudantado de primaria e secundaria. Esta actividade contou co apoio inestimable do profesorado de deseño e plástica dos centros educativos da zona.

O primeiro dos concurso era “Unha cuberta para Xela Arias”, na que o alumnado debía crear unha cuberta dun libro de persoa homenaxeada en 2021 co Día das Letras Galegas de forma artistica e cunha visión propia. O segundo, titulado “Debuxa o teu Toribio” é unha homenaxe aos 30 anos da aparición de Este é Toribio, o primeiro dunha serie de contiños ilustrados e un referente na Literatura Infantil e Xuvenil da obra de Carlos Casares. Este ano presentáronse 77 orixinais en total, adxudicándose 18 premios en todas as idades e categorías. A cerimonia de entrega transcorreu no Salón de Plenos do Concello e contou coa presenza da alcaldesa, Elvira Lamas, o noso presidente, Xavier Casares, o concelleiro de Cultura e Mocidade, Ramiro Rodríguez, e mais a vicedirectora do IES Lagoa de Antela, Belén Castro, membros todos do xurado.

Agradecemos tamén aos demais membros do xurado que non puideron asistir, en especial ao pintor Antón Pulido, impulsor da idea. Así mesmo, á profesora Ana María Escudero, do IES Lagoa de Antela, pola súa entrega e compromiso; e a María Garrido, vicedirectora do IES Cidade de Antioquía; a José Manuel García, director do CEIP Rosalía de Castro, e mais a Milagros Lozano, directora do CEIP Carlos Casares.