O pasado 25 de decembro ás 20.00h, o pavillón de deportes Lalín Arena acolleu o Concerto de Nadal 2022, O Principiño, cunha fermosa homenaxe a Carlos Casares no marco do 20 cabodano do escritor, tradutor, ademais, da célebre obra de Saint-Exupéry, que veu a luz en galego hai 50 anos. O concerto reuniu un público familiar de máis dun millar de asistentes.

A idea desta homenaxe partiu do presidente da Banda de Música de Vilatuxe, José Rodríguez Varela, e do seu director, Victor Manuel Vilariño Salgado. O evento foi posible tamén grazas ao esforzo do Concello de Lalín, Balonmán Lalín, Deza Espectáculos e Odaiko. No acto de presentación do concerto participou o Conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, quen lle entregou ao presidente da fundación, Xavier Casares Mouriño, unha placa conmemorativa do acto. Pola súa banda, Xavier Casares agradeceu emocionado a homenaxe e compartiu co público algunhas anécdotas da vida do escritor.

A Banda de Música de Vilatuxe foi a encargada de poñer a música ao evento, nun espectáculo ben coidado e presentado, dunha gran calidade técnica, que transcorreu en todo momento nun cálido, emotivo e acolledor ambiente. Especialmente rechamante foi a participación dos coros de nenos e nenas de diversas idades, que o fixeron realmente ben.

O concerto tivo tamén unha parte de representación teatral, conducida de polos actores Josito Porto, Sole Felloza e Cristina Collazo, que narraron fragmentos representativos da obra cunha  calidade extraordinaria e unha posta en escena marabillosa, onde tamén brillaron os escenarios e o vestiario fermosísimos.

A Fundación Carlos Casares e a familia do escritor quere manifestar o seu fondo agradecemento a todas as persoas e entidades que fixeron realidade o espectáculo, en particular a todos e cada un dos membros da Asociación Cultural Banda de Música de Vilatuxe que tanta emoción transmitiron nun Nadal para nós tan especial coma este. Moitas grazas.