Esta é só unha das múltiples reflexións e achegas que escritores e convidados realizaron no marco dos II Diálogos Literarios do Gaiás, celebrados os días 1 e 2 de xuño na Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura e coordinados por Román Raña. Cumpriuse unha vez máis o obxectivo de establecer un diálogo rico e variado entre a literatura galega e o resto de literaturas da nosa contorna, nesta ocasión ao abeiro do décimo cabodano de Carlos Casares.

Na primeira sesión, moderada por Luís G. Tosar, presidente do Centro PEN Galicia, o profesor Basilio Losada argumentou a súa idea da dignidade lingüística e da franqueza literaria como base a partir da cal os escritores poden realizar o seu traballo creativo. Exemplos concretos deste proceso foron expostos por Marina Mayoral, que dende a súa longa experiencia como escritora, explicou a xénese dunha obra literaria.

A inauguración dos Diálogos correu a cargo dos secretarios xerais de Cultura e de Política Lingüística Anxo Lorenzo e Valentín García, así como de Gustavo A. Garrido, director da Fundación Carlos Casares. No transcurso da inauguración Garrido presentou unha nova ferramenta que a Fundación porá a disposición dos escritores galegos para aumentar a súa visibilidade no exterior: os Cadernos Dixitais dos Díalogos Literarios. Unha serie de documentos interactivos onde o autor dá voz á súa obra, mentres que esta pode ser lida tanto no idioma orixinal como noutras linguas. En breve quedarán en acceso gratuíto os dous primeiros cadernos.

A segunda sesión, titulada “Dez anos de poesía”, foi conducida por Román Raña e deu protagonismo aos ámbitos literarios internacionais. Comezou Jon Kortazar, que fixo un percorrido sobre a última década da poesía en éuscaro; a continuación, Lasse Söderberg deu a súa particular visión da poesía escandinava, salientando tres exemplos aos que lle deu voz Ángela García, compañeira de Lasse: o danés Henrik Nordbrandt (Frederiksberg, 1945) e os suecos Marie Lundquist (Jönköping, 1950) e Thomas Traströmer (Estocolmo, 1931). Pechou a sesión Ana Luisa Amaral, que nos achegou a súa perspectiva da poesía portuguesa durante estes últimos dez anos, ilustrándoa tamén coa lectura de varios poemas.

Na sesión pública do día 2 de xuño, Bieito Iglesias e José María Merino, presentados pola escritora Rexina Vega, desenvolveron cadanseu punto de vista sobre a narrativa. Merino centrouse na definición, alcance e construción do microrrelato, poñendo varios exemplos do seu traballo, e salientando a importancia que este formato conseguiu na última década. Pola súa banda Bieito Iglesias distinguiu entre escritura e literatura partindo da súa experiencia como escritor e como lector, e salferindo a súa intervención con ilustrativas anécdotas nas que non faltou o humor.