Dende o día de hoxe está aberto, na páxina web do Servizo de Extensión Universitaria da UVigo, a preinscrición para o XVI Curso de Medios Audiovisuais de Celanova (CeMAC 2019) dirixido por Miguel Anxo Fernández. Este ano, baixo o título: “Novas fronteiras do audiovisual galego. Talento, industria e internacionalización”, o curso pretende explorar tres vías de desenvolvemento do sector audiovisual en Galicia, como un potencial de valor socioeconómico dentro e fóra da nosa comunidade.
O CEMAC, desde a súa condición de curso universitario atento ao pulso coxuntural audiovisual do país en particular, e mesmo da sociedade en xeral con relación a cultura das imaxes e mesmo do seu consumo, afronta nesta edición un trazo singular que rematará por condicionar a evolución do sector galego. O ecosistema audiovisual galego vai camiño de atopar o seu equilibrio industrial e creativo, o paso definitivo cara a súa normalización á marxe de sorportes e formatos, nos que xa cubrimos a totalidade do espectro da ficción e non-ficción, e mesmo os derivados das novas tecnoloxías, e onde o proceso de internacionalización da produción e coprodución é un feito.
Engadimos tamén unha reflexión cualificada sobre as novas formas de consumo audiovisual, as plataformas de streaming, movéndose entre a lícita oportunidade de negocio global e as fortes expectativas que representan para a dinamización da industria, e ao tempo provocando a polémica entre quen no sector diferenzan entre formatos para cine e televisión, e mesmo o sector da exhibición convencional.
Durante o curso organizarase un taller de produción audiovisual, dirixido por Paulino Pérez, baixo o titulo “Celanova, plató de ficción”, e desenvolvido polo alumnado de Comunicación Audiovisual da Universidade de Vigo.