12, 17, 19, 26 febreiro; 2, 4 de marzo de 2004
Centro Social e Centro Cultural Caixanova de Vigo

Coordinador do Ciclo: Manuel Janeiro

O I Ciclo de conferencias e coloquios ‘Vigo: o home e a cidade’ pretendeu contribuír a un debate reflexivo sobre o presente arquitectónico e urbanístico de Vigo, preguntándose polo efecto condicionador da historia e intentar tracexar algunhas perspectivas de futuro, tendo en conta elementos contextuais tan importantes como a evolución demográfica, a localización da cidade no litoral atlántico, as novas comunicacións coa meseta ou a incardinación de Vigo na euro-rexión Galicia-Norte de Portugal.

A indagación sobre as dimensións histórica e socio-económica do urbanismo non esgotou as ambicións deste primeiro ciclo, que asemade pretende incidir na relevancia que a construción da cidade e a súas relacións co territorio teñen para a vida dos cidadáns e para a conformación dun ámbito vital de calidade cívica.

Por outra banda, este I Ciclo de conferencias e coloquios ‘Vigo: o home e a cidade’ buscaba calibrar a responsabilidade social na xestión política do urbanismo, reflexionar sobre o papel que no ordenamento urbano e no perfil arquitectónico da cidade xogan axentes como arquitectos, propietarios do solo, construtores, promotores inmobiliarios, políticos, técnicos, profesionais e a propia sociedade civil, sempre dende unha idea pluralista e aberta da cidade e dos seus usos.

Á hora de elaborar o programa de participantes optouse por un enfoque plural e informativo para os cidadáns sen coñecementos técnicos nestas materias, no que teñan cabida dimensións moi variadas da arquitectura e o urbanismo, dende os aspectos económicos e os políticos até os estéticos e os relacionados coa calidade da vida cívica. Así, os urbanistas, arquitectos, políticos e outros especialistas convidados a participar como conferenciantes son todos eles, dende as súas diferentes responsabilidades e funcións, axentes activos na conformación arquitectónica e urbanística de Vigo.

PROGRAMA:

12 FEBREIRO 2004; Centro Social Caixanova, 20 horas

Inauguración do ciclo:
Julio Fernández Gayoso (Director Xeral de Caixanova)
Manuel Janeiro (Coordinador do ciclo ‘O home e a cidade’)
Kristina Berg (Presidenta da Fundación Carlos Casares)

inaugur_gayosofeijoobergjaneiro.jpg

J. Fdez. Gayoso, A. Núñez Feijóo, K. Berg, M. Janeiro

 

Conferencia inaugural: Vigo, capital da ‘Euro-rexión’
Alberto Núñez Feijóo (Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda da Xunta de Galicia)

conffeijoo_gayosobergjaneiro.jpg

A. Núñez Feijóo, J. Fdez. Gayoso, K. Berg, M. Janeiro

17 FEBREIRO 2004; Centro Cultural Caixanova, 20 horas

Conferencia: Vigo visto dende fóra
Xerardo Estévez (Arquitecto e urbanista. Ex-alcalde de Santiago de Compostela)
Presenta: Damián Villalaín (Director da Fundación Carlos Casares)

villalainjaneiroestevez.jpg

D. Villalaín, M. Janeiro, X. Estévez

19 FEBREIRO 2004; Centro Cultural Caixanova, 20 horas

Conferencia: A cidade indomable: forma urbana e modernidade en Vigo
Fernando Agrasar (Arquitecto e Profesor de Composición Arquitectónica na Universidade da Coruña)
Presenta: Guapalupe Piñera (Arquitecta)

janeiropineraagrasar.jpg

M. Janeiro, G. Piñera, F. Agrasar

24 FEBREIRO 2004; Centro Cultural Caixanova, 20 horas

Conferencia: Territorio e cidade no Plan Xeral de Ordenación Municipal de Vigo en tramitación
Daniel Pino (Sociólogo e urbanista. Director do equipo redactor do PXOM de Vigo)
Presenta: José Manuel Figueroa (Concelleiro de Urbanismo de Vigo)

janeirofigueroapino.jpg

M. Janeiro, J. M. Figueroa, D. Pino

26 FEBREIRO 2004; Centro Cultural Caixanova, 20 horas

Conferencia: Sentido e sensibilidade
Alfonso Penela Fernández (Arquitecto)
Presenta: Manuel Janeiro (Coordinador do ciclo ‘O home e a cidade’)

janeiropenela.jpg

M. Janeiro, A. Penela

2 MARZO 2004; Centro Cultural Caixanova, 20 horas

Mesa redonda: Arquitectura e urbanismo en Vigo
Daniel Pino (Sociólogo e urbanista. Director do equipo redactor do PXOM de Vigo)
Fernando Agrasar (Arquitecto e profesor de Composición Arquitectónica na Universidade da Coruña)
Miguel Font (Xerente da Asociación de Promotores Inmobiliarios da Provincia de Pontevedra)
Alfonso Penela Fernández (Arquitecto)
Moderador: Manuel Janeiro (Coordinador do ciclo ‘O home e a cidade’)

janeirofontpinoagrasarpenela.jpg

M. Janeiro, M. Font, D. Pino, F. Agrasar, A. Penela

4 MARZO 2004; Centro Social Caixanova, 20 horas

Conferencia de clausura: Vigo 2005
José Manuel Figueroa (Concelleiro de Urbanismo do Concello de Vigo)
Presenta: Manuel Janeiro (Coordinador do ciclo ‘O home e a cidade’)

janeirofigueroa.jpg

M. Janeiro, J. M. Figueroa

OS PARTICIPANTES:

Alberto Núñez Feijóo
(Ourense, 1961) Licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago. Diploma de Directivo da Xunta de Galicia. Funcionario do Corpo Técnico Superior da Xunta de Galicia (1985-1991); Secretario Xeral Técnico da Consellaría de Agricultura, Gandería e Montes (1991); Secretario Xeral da Consellaría de Sanidade e Servizos Sociais (1991-1996); Vicepresidente e Secretario Xeral do Servizo Galego de Saúde (1992-1996); Secretario Xeral de Asistencia Sanitaria e Presidente Executivo do INSALUD (1996-2000); Conselleiro-Director Xeral (2000-2001) e Presidente (2001-2003) de Correos e Telégrafos. Na actualidade vén desempeñando o cargo de Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda da Xunta de Galicia (dende xaneiro de 2003) e, entre outros cargos, é Vogal do Consello de Administración da Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa de Moeda.

Xerardo-Denís Estévez Fernández
(Santiago de Compostela, 1948) Arquitecto. Exerceu dende 1972 como arquitecto e urbanista, realizando traballos de investigación sobre arquitectura, planeamento e patrimonio. No ano 1983 é elixido Alcalde de Santiago de Compostela como candidato do PSdeG-PSOE, observando a cidade durante os seus sucesivos mandatos un sobranceiro pulo no eido urbanístico e edificatorio, con especial atención na posta en valor e rehabilitación do núcleo histórico, na actividade cultural e na proxección internacional da cidade xacobea e o Camiño de Santiago, o que deu como froitos, entre outros, a inclusión da capital galega na listaxe do patrimonio mundial da UNESCO, a concesión do Premio Europa do Consello de Europa e do Premio Europeo de Urbanismo da Unión Europea. En 1999 abandona a actividade política, reintegrándose á práctica profesional, que simultanea coa actividade como conferenciante, escritor e colaborador na prensa diaria (La Voz de Galicia, El País).

Fernando Agrasar Quiroga
(Vigo, 1963) Doutor en Arquitectura. Profesor titular de Composición Arquitectónica na Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña e, dende 1998, Secretario do Departamento de Composición. Por designación da Xunta de Goberno do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, é dende 1992 membro da súa Comisión de Cultura, exercendo a Presidencia da citada Comisión na delegación da Coruña dende 1999. Codirixe con Jesús Irisarri dende o ano 2000 a publicación Obradoiro, revista do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. Entre as súas monografías como autor, coautor ou editor, pódense salientar El edificio del Banco Pastor en La Coruña (1993), Arquitectura moderna en Asturias, Galicia, Castilla y León: ortodoxia, márgenes y transgresiones (1998), Vanguardia y tradición. La arquitectura de la primera modernidad en Galicia (2003) e Guía de arquitectura de Vigo (2003).

Daniel Pino Vicente
(Forcadela –Tomiño–, 1943) Licenciado en Ciencias Políticas e Socioloxía, é especialista en urbanismo. Foi Secretario do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia dende a súa fundación, no ano 1973, ata 1978. É Director de Consultora Galega S.L. dende 1979. Polo seu labor á fronte de equipos multidisciplinares ten sido recoñecido con importantes premios, como o Nacional de Urbanismo (1981) e o Europeo de Urbanismo (1994). Leva dirixido e coordinado máis dun cento de traballos de investigación e divulgación encol de temas de planeamento, ordenación do territorio, transporte, medioambiente e materias afíns. Dende o ano 2001 coordina os traballos do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Vigo, e dende este mesmo mes de febreiro de 2004 codirixe os do de Pontevedra. Ademais de diversos ensaios en torno a temas profesionais ten publicados libros de narrativa e poesía.

Alfonso Penela Fernández
(Vigo, 1955) Arquitecto. Con estudo profesional en Vigo dende 1982, é Profesor de Proxectos Arquitectónicos na Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña dende 1986. A súa actividade profesional está orientada fundamentalmente á realización de proxectos mediante concursos de arquitectura, participando deica a data en máis de sesenta, e tendo obtido vinte primeiros premios e outras mencións. Entre as súas obras en Vigo están o edificio de oficinas Oficentro na rúa Manuel Núñez (1987), a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais do Campus Universitario (1989), o Centro de Saúde da rúa Faisán na Doblada (1993), a rehabilitación da Casa de Arines na Praza de Almeida para a sede da Fundación Camões (1994), o Plan Especial de Ordenación do Campus de Lagoas-Marcosende (1995), a Facultade de Ciencias Xurídicas do Traballo (1997), os aloxamentos para estudantes de O Castro (2000) e o edificio do Novo Reitorado no Campus (2002).

Miguel Font Rosell
(Barcelona, 1948) Licenciado en Dereito, Mariño Mercante, Arquitecto Técnico e Axente da Propiedade Inmobiliaria. Dende 1972 deica 1985 exerceu como arquitecto técnico, dirixindo a execución material de máis de duascentas obras. Foi Aparellador Municipal do Concello de Vigo dende 1972 a 1993, ano en que solicita a excedencia no cargo, pasando a desenvolver o de Xerente da Asociación de Promotores Inmobiliarios da Provincia de Pontevedra (APROIN) e Director da revista APROIN. Foi Director da Feira da Construción do Atlántico, e dende 1998 é promotor inmobiliario. Tamén foi profesor de Práctica Xurídica no Colexio de Avogados de Vigo. Presta servizos de asesor urbanístico e é conferenciante habitual sobre temas das súas especialidades.

José Manuel Figueroa Vila
(Vigo, 1961) Empresario. No ano 1987 chega á Corporación Municipal de Vigo como concelleiro do Partido Popular, cargo que mantén ininterrompidamente deica a actualidade, complementado co de voceiro do seu grupo municipal. Foi asesor da Secretaría Xeral de Deportes da Xunta de Galicia entre 1992 e 1995 e Concelleiro de Deportes, Comercio e Turismo e Delegado do Alcalde no Eixo Atlántico dende 1995 até 1999. No ano 1998 presidiu o Comité Executivo da Regata Cutty Sark. Compaxina o seu labor no Concello de Vigo, dende decembro de 2004 como titular da Concellaría de Urbanismo e Medioambiente (que abarca as áreas de urbanismo, medioambiente, infraestructuras e contratas e patrimonio histórico), coa de Deputado Provincial, asumindo responsabilidades en áreas como Economía, Facenda e Turismo.