Grial 182

Anda xa á venda o número 182 do GRIAL que corresponde ao segundo volume do ano (segundo trimestre de 2009) e fai o Tomo XLVIII do seu rexistro histórico. Unha vez máis a revista dedica un xeneroso espazo á colaboración coa Fundación Carlos Casares publicando, baixo o epígrafe Nós e a cidade, os textos de catro das conferencias impartidas no ciclo homónimo realizado en Vigo o pasado ano ao abeiro do patrocinio de Caixanova. Precedidos dun texto introdutorio de Manuel F. Vieites, director do ciclo, recóllense as conferencias de Héctor M. Pose (UdC), José Antonio Caride Gómez (USC), Manuel Cuenca Cabeza (Universidade de Deusto) e Iñaki López de Aguileta (Concello de Bilbao) arredor do tema daquel V Ciclo: Axentes, tempos e espazos para a creación e a difusión cultural.
A maiores, na páxina 142 insírese tamén o texto “Biotecnoloxía animal e clonación”, de Lluis Montoliu José (Centro Nacional de Biotecnología, CNB), correspondente á conferencia que pronunciara en Vigo o 23 de outubro de 2008 no marco do II Ciclo Ciencia e Sociedade, organizado pola nosa Fundación baixo a dirección de Daniel Soutullo e o patrocinio da Fundación Caixa Galicia.