Onte finalizou o IV Ciclo Ciencia e Sociedade, que baixo o título Biodiversidade. Que sabemos dela? tentou achegar a estudantes e público einteresado información de primeira man sobre as distintas investigacións que se están a desenvolver sobre temas de biodiversidade. Francisco Pando, doutor en Ciencias Biolóxicas pola Universidade Complutense de Madrid e xestor do Nodo Nacional de Información sobre Biodiversidade, pechou o ciclo expoñendo o labor que realiza a dita institución do CSIC.
O conferenciante recalcou que o traballo do GBIF (Infraestrutura Mundial de Datos sobre Biodiversidade) non é recompilar os datos doutras bases de datos sobre especies animais e vexetais, senón servir de ferramenta que ordena a información de máis de 5.000 bases de datos, en 43 institucións e 53 países de todo o mundo, co fin de facilitar de forma gratuíta e a través de internet as peticións de información, sempre na procura dun estándar de grande usabilidade. Así, os datos seguen a pertencer aos respectivos centros adheridos ao GBIF, e conséguese apoiar a investigación científica, fomentar a conservación biolóxica e favorecer o desenvolvemento sustentable.
Por último, o Francisco Pando repasou, con exemplos o sistema de buscas na rede GBIF, explicando as potencialidades de uso, como por exemplo a posibilidade de descargar capas personalizadas no Google Earth con información para xeolocalizar as especies que se están buscando (densidade poboacional, delimitación aproximada, hábitat, etc.).
No momento da clausura, repartíronse os certificados de asistencia aos que o solicitaran.