IV Ciclo Ciencia e Sociedade - Biodiversidade. Que sabemos dela?Os días 2, 3 e 4 de marzo de 2010, ás 20 horas, na Sede Fundación Caixa Galicia de Vigo (Policarpo Sanz, 21) desenvolverase a cuarta edición do Ciclo Ciencia e Sociedade, organizado pola Fundación Carlos Casares e coordinado polo catedrático Cástor Guisande González, que este ano abordará o tema: Biodiversidade. Que sabemos dela?.

A ONU declarou o 2010 Ano Internacional da  Biodiversidade, e coincidindo con esta feliz iniciativa, a Fundación Carlos Casares quere contribuir a divulgar, a través de escollidos especialistas, o alcance deste concepto e tentar así sensibilizar sobre a importancia da variedade de vida sobre a Terra.

Para tal fin, o Ciclo abrirase, na sesión do martes 2 de marzo, coa presenza de Ignacio Torres Ruiz-Huerta, director de estudos e proxectos da Fundación Biodiversidad, o cal nos mostrará o programa que se está a desenvolver na súa institución.

O mércores 3 de marzo teremos connosco ao científico estadounidense William Laurance, que en 2008 recibiu o premio Fundación BBVA Fronteiras do Coñecemento na categoría de Ecoloxía e Bioloxía da Conservación. Laurance salientará os problemas que se están producindo en zonas onde a biodiversidade é elevada e a deterioración é moi acusada, como sucede no Amazonas.

O Ciclo pecharase o xoves 4 de marzo coa conferencia de Francisco Pando, doutor en Ciencias Biolóxicas pola Universidade Complutense de Madrid e Xestor do Nodo Nacional de Información sobre a Biodiversidade, que nos amosará as recentes iniciativas que se están a desenvolver para cuantificar a biodiversidade a nivel mundial.

Descargas

Programa do IV Ciclo Ciencia e Sociedade

Cartel do IV Ciclo Ciencia e Sociedade