Dende a Fundación Carlos Casares tentamos dar resposta ás necesidades dos centros de ensino, coas peticións que nos realizan en canto a exposicións, faladoiros, recursos gráficos e de escrita, material didáctico… E nos sentimos sumamente honrados da resposta que estamos a recibir destes mesmos centros cando, de forma altruísta, nos achegan material creado polo profesorado e o alumnado para sumalo ao sección de recursos didácticos do sitio web da fundación.

Entre as últimas achegas está a guía “Carlos Casares. 17 anécdotas para o 17 de maio”, unha impresionante guía do CEIP de Laredo de Chapela (Pontevedra), coordinado polo profesor José Manuel Portela Paredes que contén non só información biográfica sobre o escritor ourensán, senón que encadra o seu legado como un chamamento á tolerancia e á convivencia, ao diálogo fronte a violencia, con exemplos tirados do panorama tanto local como internacional. Ademais, explora a obra de Carlos Casares con elementos pictográficos, realizado polo alumnado do CEIP Anxo da Garda da Coruña.

Por outra banda, agradecémoslles aos profesores e profesoras que constitúen o Seminario Galán, coordinados por Lorena Ares García Vanesa Guimarey Cedeira, pertencentes a varios centros educativos da provincia da Coruña a oferta para incluir no noso sitio web a exposición de carteis para o Día das Letras, onde se reflicte a vida e obra de Carlos Casares, así como un cuestionario ilustrado igualmente con fermosas imaxes de Carlos Gallego Domínguez.

Actualizacion 21/03: Da man do Seminario Galán, acaban de achegarnos máis material que incluiremos tamén na nosa sección. Trátase de guías didácticas adaptadas a Infantil1º e 2º de Primaria, 3º e 4º de Primaria, e mais 5º e 6º de Primaria. Tamén nos achegan moi amablemente outro material, como marcapáxinas, unha biografía, un díptico e unha adaptación teatral d´A galiña azul para escolares. Nun futuro próximo recibiremos material interactivo extra, o que resdunda nun extraordinario esforzo conxunto que debe poñerse en valor.

Dende a Fundación Carlos Casares queremos deixar constancia e salientar o noso máis profundo agradecemento ao profesorado que se implica e se esforza por dar continuidade ao legado de Carlos Casares, co seu amor pola docencia, pola lingua e pola cultura, co seu amor por Galicia.

Enlace: Páxina de recursos didácticos e guías docentes