Recital no Eirociño dos Cabaleiros, na casa de María Andrea, engalanada con lonas de obras de Arturo Baltar e de Xavier PousaO pasado venres 9 de abril a Fundación Carlos Casares, o Centro PEN Galicia e a Fundación Vicente Risco organizaron, coa colaboración do Liceo, Concello e Deputación de Ourense, unha xornada de homenaxe ao Volter / Taberna O’Tucho.

O programa comezou ás 18 horas no mural de Faílde, na rúa dos Remedios, ás 18 horas, coas verbas de Afonso Vázquez-Monxardín, coordinador do evento, e a escenificación do relato “O Suso” de X. L. Méndez Ferrín (O crepúsculo e as formigas, 1961) a cargo de tres actores da Escola Municipal de Teatro, dependente da Concellería de Educación.

Acto seguido iniciouse un roteiro que percorreu varios espazos do Ourense perdurable, marcado hoxe por obras de artistas do grupo do Volter: o primeiro foi unha lembranza do chalé Losada, espazo actualmente ocupado polo edificio Galerías Viacambre, facendo alto nos releves de Manuel Buciños; a segunda parada foi a entrada ás Galerías Paseo, onde están as obras de Acisclo Manzano e onde estaba situada a sala de festas Auria; a terceira foi ao final da rúa do Paseo, na entrada dos xardíns do Padre Feixóo, ao pé da escultura do Moucho e do Fauno de Xaime Quesada. Alí, os integrantes da Escola Municipal de Teatro representaron unha escena disfrazados de faunos e musas, que conduciron aos máis de 60 espectadores ao seguinte espazo do roteiro, a Casa de María Andrea na praza do Eirociño dos Cabaleiros.

A Casa de María Andrea engalanouse para a ocasión, con dúas grandes lonas con representacións gráficas de obras dos artistas do Volter cedidas pola Concellería de Cultura. Neste lugar, ás 19 horas, desenvolveuse a lectura, a cargo de Delfín Caseiro, dalgúns dos poemas plasmados nas pinturas murais do Volter na década dos anos 60 e 70, irremediablemente perdidas. O acto estivo musicado pola violonchelista Susana Blanco Novoa.

ou_liceo_l048_b.JPG

O último punto do programa foi unha tertulia aberta no Liceo de Ourense mantida polo escultor Acisclo Manzano; o presidente do Centro PEN Galicia, Luís González Tosar; J. Alberto Almeida Rebollo, autor do libro O Volter. Fragmentos para a memoria;  Vicente Fontenla Taboada, fillo de Vicente Tucho Fontenla, e outros convidados repartidos nas mesas do salón entre o numeroso público asistinte, moderados por Afonso Vázquez-Monxardín, coordinador do evento.

A memoria entrañable do Tucho, home dunha sobria elegancia e dunha xenerosidade sen límites, que chegou ata o punto de cambiar o nome da súa taberna por deferencia a uns artistas mozos, cheos de inquedanzas, uniu ao remate da tertulia a todo o público nun espontáneo brinde en honor do que fora o dono do Volter.

Público asistente á tertulia no Liceo de Ourense

Enlace: Palabras do roteiro de Afonso Vázquez-Monxardín

Enlace: Discurso de Arturo Lezcano (ausente)