Vinte puntos de Ourense conforman desde a pasada fin de semana o roteiro literario de Carlos Casares na cidade que o veu nacer en 1941. Lugares de estudo, formación e tertulia e escenarios que aparecen como paisaxe da súa produción literaria forman parte do percorrido, inaugurado o sábado coa presenza do presidente da Fundación Carlos Casares, Xavier Casares Mouriño; o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; e o alcalde da cidade, Xesús Vázquez, entre outras autoridades.

Este roteiro inaugural levouse a cabo no marco dunha xornada do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI), unidade da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria dedicada á formación permanente do profesorado, á que asistiron un cento de docentes de toda Galicia. A ruta, presentada no Liceo ourensán, foi deseñada polo escritor e investigador Afonso Vázquez-Monxardín, co apoio da Fundación, o Concello e a Xunta, e marca con placas de cerámica vinte puntos transcendentais na traxectoria vital e literaria do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2017.

O roteiro, presentado á prensa o pasado 24 de xaneiro, comeza no parque de San Lázaro, fronte ao hotel Parque, no que Casares coñeceu a Vicente Risco sendo el un mozo. Logo visita outros puntos do centro histórico, como a Catedral, a rúa do Paseo, a praza Maior, o Seminario no que Casares estudou ou a praza do Trigo (localización relevante na novela Deus sentado nun sillón azul). A través desta iniciativa pode coñecerse camiñando unha parte apreciable do universo creativo de Casares, así como seguir os seus pasos como escritor e xornalista en formación.

Enlace: Roteiro Carlos Casares en Wikiloc

Enlace: Folleto do Roteiro Carlos Casares en pdf