“O pobo de Ourense ao seu fillo predilecto, Carlos Casares Mouriño”. Esta inscrición loce desde hoxe na rúa Bispo Cesáreo, nas paredes exteriores do Liceo de Ourense, nunha placa descuberta nun acto ao que asistiron o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez; o irmán de Casares e presidente da fundación que coida do legado do escritor, Xavier Casares Mouriño; e os fillos do autor, Håkan e Christian Casares Berg.

A descuberta da placa foi parte do acto no que se nomeou a Casares fillo predilecto da cidade que o veu nacer o 24 de agosto de 1941, e que tanto protagonismo ten en novelas como Deus sentado nun sillón azul. A xornada comezou cunha sesión plenaria á que asistiron representantes da Real Academia Galega e do Consello da Cultura Galega, institucións ás que pertenceu Casares. Neste pleno fíxose entrega á familia dun diploma conmemorativo. “O Día das Letras Galegas é a escusa perfecta para saldar a débeda de gratitude que Ourense ten con Carlos Casares”, sinalou o alcalde Jesús Vázquez.

Despois da entrega do título de fillo predilecto, a corporación municipal, a familia e os convidados camiñaron cara a praza do Bispo Cesáreo, onde foron recibidos pola música da Coral de Ruada. Alí descubriuse a placa, realizada en bronce polo escultor Xosé Cid e colocada nunha das paredes do Liceo, moi frecuentado polo homenaxeado, “a segunda casa de Carlos e onde estará ao lado de Blanco Amor, no recuncho do lector e colocada na praza dun bispo, porque a obra máis importante de Casares é Ilustrísima, destacou o presidente da Fundación, Xabier Casares.