A Fundación Carlos Casares colabora coa Universidade de Vigo na organización do VI Encontro de traballo do Grupo de Reflexión Europeo sobre Narrativa Oral (GRENO), que este ano se reunirá para tratar o tema “A figura feminina nas lendas”. Dende o día 7 ao 11 de novembro un nutrido grupo de especialistas en narrativa oral de toda europa se darán cita no Balneario de Mondariz e en Santiago de Compostela.
A anterior reunión do GRENO, celebrouse en 2010 en Portugal (Algarve e Lisboa), este ano é Galicia a anfitriona do evento que está coordinado por Camiño Noia Campos, profesora da Universidade de Vigo e delegada do GRENO en Galicia. Neste evento participarán relevantes investigadores do país que abordarán diversas facetas da rica tradición oral galega, o que implica un fortalecemento na presenza do idioma galego e da súa tradición no rexistro lingüístico europeo. Non en van, unha das figuras máis importantes que chegará a Galicia será o profesor Hans-Jörg Uther, da Universidade de Goettingen, director da Enzyklopädie des Märchens que vén alimentando desde a Universidade de Goettingen, autor do catálogo internacional The Types of International Folktales.