Dirixido por Miguel Anxo Fernández, e baixo o título “Audiovisual galego en feminino. Singularidade e diversidade”, a Fundación Carlos Casares desenvolveu do 5 ao 8 de xullo o XIII Curso de Comunicación Audiovisual de Celanova (CeMAC 2016), unha cita anual de gran relevancia que converte o lugar de nacemento de Curros Enríquez en centro neurálxico do audiovisual galego dende o ano 2004, cando se iniciou a actividade co curso titulado “Cine e literatura. Carlos Casares e o cine”.
Xunto coa Vicerreitoría do Campus de Ourense, o Concello de Celanova, a Deputación Provincial de Ourense e a colaboración do Agadic, as persoas convidadas para tratar o tema do audiovisual galego e o papel relevante e protagonista da muller na súa historia compartiron co público asistente durante catro xornadas as súas ideas e o seu labor profesional.
PROXECCIÓNS, TALLERES, EXPOSICIÓNS E CONCERTOS
Durante o Curso proxectáronse varias pezas audiovisuais como “Un ajuste de cuentas” de Manane Rodríguez ou a curtametraxe “Quinta provincia”, de Lucía Estévez, entre outros moitos traballos. Decidiuse apostar fortemente, e por sétimo ano consecutivo, pola organización dun taller audiovisual, que correu a cargo de unha ducia de alumnos e alumnas da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo, dirixidos por Paulino Pérez Feijóo, profesor de Comunicación Audiovisual da dita universidade. Este ano apostouse polo formato webserie e o alumnado de Ciencias Sociais desenvolveu o título da webserie de comedia “Prevenidos“, que será presentado en Pontevedra a principios de outubro.
Por outra parte, a Fundación decidiu apoiar o evento na vila de Celanova con outras actividades culturais. Por unha parte a exposición “Casares e a fotografía” na Casa dos Poetas e, por outra parte, a participación de dúas bandas musicais universitarias que durante a noite do 6 e do 7 de xullo puideron tocar na praza das Triguerizas. Os grupos musicais foron os “Australia” e os “Beethoven Rollers”.
Máis información: Facebook do Curso de Medios Audiovisuais de Celanova.